A campaña de Cultura e Educación ‘Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro’ chega mañá á provincia da Coruña para poñer en valor o legado do poeta entre a cidadanía

O material informativo da campaña será distribuído nas rúas que levan o nome do escritor e que se atopan nos concellos de Culleredo, Oleiros, Ares, Mugardos, Narón, Ferrol, As Pontes de García Rodríguez, Arteixo, Carballo, Cerceda, Santiago de Compostela e mais Ribeira

Esta iniciativa da Secretaría Xeral de Cultura propón un achegamento por parte da cidadanía á vida e á obra do escritor dun xeito lúdico e orixinal, a través dun folleto que inclúe información detallada en formatos diversos

Mér, 26/09/2012 - 16:42
A campaña de Cultura e Educación ‘Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro’ chega mañá
A campaña de Cultura e Educación ‘Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro’ chega mañá á provincia da Coruña para poñer en valor o legado do poeta entre a cidadanía

Ata as rúas da provincia da Coruña que están dedicadas ao escritor Celso Emilio Ferreiro chegará mañá a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, unha iniciativa que promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Cultura para difundir e poñer en valor entre a cidadanía o legado do escritor de Celanova.

O material informativo da campaña será distribuído mañá entre os veciños e veciñas que viven nas rúas da provincia da Coruña que levan o nome do poeta. Deste xeito, os concellos de Culleredo, Oleiros, Ares, Mugardos, Narón, Ferrol, As Pontes de García Rodríguez, Arteixo, Carballo, Cerceda, Santiago de Compostela e mais Ribeira recibirán os folletos da campaña, que presentan a vida e a obra de Celso Emilio dun xeito lúdico e orixinal.

Para isto, as 16 páxinas do folleto inclúen información detallada sobre a vida e a obra do escritor en diferentes formatos, nos que destacan pasatempos como un encrucillado, unha sopa de letras e un labirinto, un catálogo das súas obras, unha liña biográfica e mesmo a súa vida contada a través dunha fotonovela.

A Secretaría Xeral de Cultura levou esta campaña por toda Galicia, que comezou o pasado mes de abril na provincia de Ourense e que remata mañá coa distribución nas rúas da provincia da Coruña. 

Celso Emilio Ferreiro, nos centros educativos

Xunto con esta campaña, a Consellería de Cultura e Educación promoveu ao longo de 2012 diversas actuacións de divulgación da obra e da vida do escritor de Celanova, no marco da programación do Ano Celso Emilio Ferreiro.

Entre elas inclúese unha exposición interactiva arredor da vida e da obra do escritor. Logo do seu paso polas bibliotecas nodais de Galicia no primeiro semestre do ano, a Consellería de Cultura e Educación retomará nos próximos días a itinerancia desta mostra en diversos centros educativos de Galicia.

Menús News node R