A Consellería de Educación continuará creando novas prazas de comedor nos centros educativos

Deste xeito a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso de incrementar o servizo de comedor ata chegar ao 100% dos centros

Ven, 16/04/2010 - 13:48

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria incrementará o vindeiro curso o número de prazas de comedor nos centros educativos galegos, demostrando deste xeito que a xestión da actual administración permite continuar coa política social que se xa se mostrou no presente curso académico coa creación 2.500 novos postos.

Un dos principais obxectivos da Consellería é incrementar o número de prazas de comedor ano a ano, ata chegar ao 100% dos centros da comunidade galega. É, polo tanto completamente falso que se vaian reducir o número de prazas, senón todo o contrario, xa que esta administración non esquece que Galicia ten unha gran número de escolares en zonas rurais que dependen destes servizos, polo que unha das nosas principais preocupacións é o acceso de todos os escolares á ensinanza en igualdade de condicións.

Óptima xestión

Grazas a xestión da Consellería de Educación cada vez son máis os escolares que teñen aceso aos servizos que lles facilitan a vida educativa e que ademais permiten mellorar a conciliación da vida laboral e familiar. Todo isto a pesar de que o bipartito deixou un déficit de máis de 4 millóns e medio de euros nas partidas orzamentarias, en concreto nun punto tan importante como son os comedores escolares. Unha débeda que afectaba a último trimestre do curso pasado e que puña en serio perigo o pago do presente ano escolar, e a pesares de todo isto a actual administración fixo a mellor das xestións permitindo que todos os escolares tiveran acceso aos comedores sen problemas.

A actual Consellería tivo que facer fronte a esta eiva coa maior celeridade posible, diante dun curso escolar a piques de comezar, e a pesar do pouco tempo de marxe logrouse incrementar 2.500 os usuarios de comedor escolar.

Así as decisións que se están a tomar desde Educación, a base de xestión e esforzo, por riba de críticas partidistas que teñen como único propósito intoxicar a sociedade como recentemente se está demostrando, permiten asegurar que os servizos seguen unha liña ascendente en número de usuarios e en calidade.

Con esta nova decisión para a optimización de recursos a Consellería recorda que o seu propósito é dar o mellor servizo a comunidade educativa, polo que se continúa a traballar na creación de prazas en comedores escolares, algo que xa se está a conseguir.

Menús News node R