O conselleiro de Educación recibiu as chaves de oito vehículos de SEAT que permitirán aos estudantes de Formación Profesional realizar prácticas nas clases

A entrega dos vehículos realizouse no IES As Mercedes, en Lugo, ante a presenza de Xesús Vázquez Abad e representantes da empresa automobilística

Lun, 30/11/2009 - 14:15

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe a entrega de oito vehículos da marca SEAT para que os estudantes de Formación Profesional poidan efectuar prácticas de aprendizaxe. A cesión tivo lugar no IES As Mercedes de Lugo, onde estiveron presentes representantes da empresa de automóbiles e da vida política lucense.

Con esta entrega cúmprese cos termos do acordo acadado entre Educación e SEAT pola que esta última contribúe ao establecemento de mecanismos de mellora do nivel tecnolóxico dos centros docentes públicos dependentes da Consellería, que imparten ciclos formativos da familia profesional de Mantemento de vehículos autopropulsados, e similares. A empresa mecánica tamén cede materiais e tecnoloxía propia da marca que contribúen a mellorar a calidade dos estudos desta rama de formación profesional.

Os oito coches que hoxe foron recibidos en Lugo serán distribuídos en diferentes centros galegos. Deste xeito se beneficiarán deles os estudantes dos IES coruñeses Ponteceso e Fernando Blanco. En Lugo haberá un automóbil no IES Lois Peña Novo e outro no IES As Mercedes; os catro restantes irán aos IES de Pontevedra: Antón Losada Diéguez, A Sangriña, Pedra da Auga e o de Vilalonga. En todos estes recintos impártense ensinanzas da familia profesional do transporte e mantemento do vehículos. Con esta cesión todos os alumnos e alumnas poderán beneficiarse da ampliación dos recursos de formación dispoñibles.

Oferta formativa de industria do automóbil

Durante o acto de entrega o conselleiro de Educación recordou que en Galicia existen ciclos formativos relativos á industria do automóbil, cunha oferta de 55 ciclos repartidos en 31 centros educativos. Unha oferta que Vázquez Abad dixo que ¿ten como obxectivo impartir unha ensinanza de calidade e adaptada ás novas tecnoloxías, para o que buscamos a colaboración con empresas do sector, como é o caso de SEAT, presente en máis de 70 países.

O conselleiro engadiu que, grazas a este convenio, non só se reciben os coches, senón que o pasado curso 55 alumnos aproveitaron as prazas de formación dos centros de traballo nos concesionarios SEAT en Galicia, ademais de ensinanzas complementarias en tecnoloxía propia da marca para outros 30 alumnos e alumnas. Por outra banda grazas ao convenio máis de 300 profesores accederon aos programas para docentes. A todo isto engádese a creación dunha aula específica, no IES As Mercedes, con todos os medios técnicos necesarios para impartir ditos programas de formación, tanto para mestres como para estudantes.

O conselleiro de Educación destacou a importancia desta colaboración, ao afirmar que ¿a realimentación continua entre a formación e as necesidades empresarias implica un paso máis na liña de actuación e na nosa aposta polo futura da formación profesional, un compromiso coa mellora constante na calidade das ensinanzas e a súa formación.

Durante a entrega dos vehículos estiveron presentes o xerente de posvenda de Mercado- España, de SEAT- España, Juan María Cabellos Arguellos, e o responsable do Instituto de Servizo de SEAT, José Luis González Simó. Xunto a eles a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o director xeral de Educación, F.P. e Innovación, José Luis Mira, a subdirectora Xeral de Inspección, avaliación e Calidade do Sistema Educativo, María del Carmen Cimadevila, e o alcalde do concello de Lugo, José López Orozco.