Vázquez Abad defende a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino universitario, “para que ningún mozo ou moza vexa frustradas as súas expectativas por razóns económicas”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reafirmou o compromiso da Xunta cos estudantes, para o que nas vindeiras semanas se implantarán axudas complementarias ás outorgadas polo Ministerio

Ven, 07/09/2012 - 13:40
 Vázquez Abad defende a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino universit
Vázquez Abad defende a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino universitario, “para que ningún mozo ou moza vexa frustradas as súas expectativas por razóns económicas”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a necesidade de adoptar medidas que permitan a igualdade de oportunidades para acceder ao ensino universitario, para que ningún mozo ou moza “vexa frustradas as súas expectativas por razóns de índole económica”. Así o sinalou no acto de apertura do curso na Universidade da Coruña (UDC), no que estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Neste sentido, Vázquez Abad reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia cos universitarios galegos, que se manifestará nas vindeiras semanas coa convocatoria de axudas complementarias ás do Ministerio, para que o colectivo estudantil afectado polo incremento de requisitos académicos no acceso ás bolsas universitarias teña acceso a matrícula gratuíta nas mesmas condicións e requisitos que o pasado curso académico. Deste xeito, todo o alumnado que acredite os niveis de renda correspondentes, poderán ter dereito á exención completa de matrícula, sempre que cumpra os requisitos académicos esixidos no curso anterior, de tal forma que todo estudante universitario galego manterá o dereito a matrícula gratuíta acadando un 5 nas probas de acceso ou superando os mesmos porcentaxes de créditos que no curso 2011-12.

Así mesmo, lembrou que os prezos das matrículas fixados para o curso que hoxe comeza “permite que os estudantes universitarios galegos aboen as matrículas máis baixas de España, sen que se lles aplique, sequera, a suba do IPC a tres de cada catro matriculados, que pagarán exactamente a mesma cantidade que no curso pasado”.

Máis infraestruturas para a investigación

Ademais de polo acceso en igualdade de oportunidades, o conselleiro apostou hoxe por un novo modelo diferenciado de investigación no Sistema universitario de Galicia (SUG), “que aproveite o talento existente en Galicia para, a través de instrumentos innovadores, poder acadar mellores resultados primeiro nas nosas universidade e, despois, no conxunto da nosa sociedade”.

Durante a súa intervención o conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor da actividade investigadora que están a desenvolver as tres universidades galegas, e que queda de manifesto en diferentes actuacións que se están a poñer en marcha, tales como a inminente aprobación de convenios, cun importe total de 3 millóns de euros, para o financiamento de centros de investigación das tres universidades. Unha actuación que se engade aos programas de soporte ás infraestruturas científicas, como o do hospital clínico veterinario Rof Codina; as axudas para a construción do centro singular CEBEGA na USC, o apoio ao ASISTA, na UDC, xa en marcha.

Apoio aos investigadores

Ademais das infraestruturas, o conselleiro reafirmou ademais o compromiso da Xunta cos investigadores galegos ao sinalar que “noutras comunidades autónomas hai unha diminución das convocatorias e do número de prazas para a formación de investigadores, a racionalidade do modelo galego está a permitir incrementar os números das persoas que se integran como investigadores nas universidades”, a través das axudas a proxectos para investigadores emerxentes, ou as axudas complementarias para potenciar aos investigadores mozos que obtiveron axudas Starting Grant.

Ademais, explicou que durante este ano estase a por en marcha o apoio á fase postdoutoral 1, e que o vindeiro ano implantarase a segunda fase das axudas postdoutorais, que permitirá a contratación por un período de dous anos de doutores altamente capacitados. Isto engádese ao compromiso asumido pola Xunta nos tres últimos anos de outorgar unha axuda complementaria ás universidades de tres anos de duración á totalidade dos investigadores, con avaliación positiva, que as propias Universidades estabilizasen no sistema.

Todas estas actuacións desenvolveranse, tal e como explicou o conselleiro, ao abeiro do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015, co que se implica ao conxunto de axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación nun traballo colectivo de creación de valor e de explotación económica dos resultados que se acadan, “establecendo unhas bases sólidas e duradeiras para a investigación universitaria dos próximos anos”. “Non se pode entender de xeito separado o proceso de cambio do ensino universitario e o proceso de impulso da investigación”, engadiu.

Vontade de colaboración

Durante a súa intervención Vázquez Abad quixo ademais agradecer ás tres universidades galegas “a vontade de colaboración, traballo e continua busca de consensos para avanzar nas liñas que deben levar ao noso ensino universitario ao lugar que se merece”.

Así, explicou que “grazas a este espírito de colaboración a Consellería e as universidades públicas galegas durante estes tres anos e medio conseguimos situar ao Sistema Universitario de Galicia como punto de referencia das universidades españolas”. Neste sentido salientou logros como a recente aprobación da Lei do Sistema Universitario de Galicia; ou o Plan de financiamento do SUG, “que blindou a achega de recursos ás universidade en tempos difíciles” e “significa un punto e aparte na historia da universidade galega e trae unha nova cultura baseada na eficiencia, na competitividade e na rendición de contas”.

Ademais, sinalou como outro dos logros acadados ao abeiro do consenso o Decreto de Titulacións que racionaliza a oferta académica, “pasando de dispersión de títulos a unha homoxeneización desexada”, e que abre a porta á necesaria especialización de cada campus. “De feito – engadiu- nesta mesma semana asinouse o convenio de colaboración da Xunta de Galicia coa universidade de Vigo para comezar a primeira especialización dun campus non central en Galicia, o de Ourense. E haberá que avanzar nesta liña nos vindeiros anos”.

Universidade e sociedade

A mellora da universidade pública foi, xunto coa igualdade de oportunidades e a investigación universitaria, a terceira das apostas feitas hoxe polo conselleiro de cara ao futuro do SUG. A este respecto,Vázquez Abad lembrou que “ten que existir unha conexión directa entre Galicia e a súa universidade. A sociedade debe implicarse coa universidade e esta ten que vivir en permanente simbiose co seu contorno, abrindo os campus ás influenzas e demandas externas. Só partindo desta premisa seremos quen de acadar unha Galicia que sexa referente a nivel nacional e internacional”.

Neste sentido valorou o Plan de Financiamento ata 2015 como un instrumento que, ademais de incentivar a busca de resultados por parte de cada institución, asegura o mantemento, senón o incremento, dos créditos que o goberno da Xunta de Galicia destinará ao sistema público universitario. Así, dixo que “hoxe a universidade pública galega é máis pública que nunca, xa que as universidades do SUG nunca dependeron do financiamento público nunha porcentaxe tan alta dos seus ingresos como neste momento”. De feito, tal e como explicou o conselleiro, os recursos públicos achegados ás universidades representaban, no ano 2008, o 79,25% do total dos seus ingresos; unha porcentaxe que no ano 2011 xa acadaba o 80,91%.

Consciente dos retos do futuro, Vázquez Abad avogou por unha maior especialización docente e investigadora, un maior retorno de coñecemento á sociedade e unha maior presenza e reputación internacional, “sen esquecer, que a nosa actitude debe de estar presidida polas acaídas palabras de Ernest Hemingway, ‘o secreto da sabedoría, do poder e do coñecemento é a humildade’”.

Primeira lección maxistral

O acto de apertura do curso universitario celebrouse no Paraninfo da UDC, e contou coa presenza dos reitores das tres universidades galegas, Xosé Luis Armesto (UDC), Juan Casares (Universidade de Santiago de Compostela), e Salustiano Mato (Universidade de Vigo). Ademais no acto estiveron presentes, entre outras autoridades, os presidentes dos Consellos Sociais da Universidade da Coruña, Antonio Abril; da USC, Manuel Puga; e da UVigo, Ernesto Pedrosa.

Ademais de coa intervención do conselleiro, o curso abriuse cunha lección maxistral a cargo do profesor Francisco Javier Cudeiro Mazaira, Catedrático da área de Fisioloxía Humana, sobre o cerebro e a creación da realidade. Así mesmo, o reitor da UDC pronunciou un discurso de apertura en representación dos tres reitores galegos.