A Consellería de Educación regulará por primeira vez de xeito diferenciado o funcionamento das ensinanzas das escolas oficiais de idiomas, música e danza

A Mesa Sectorial analizou os proxectos de decretos de regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas e dos conservatorios

Mar, 06/04/2010 - 15:14
A Mesa Sectorial
A Mesa Sectorial analizou os proxectos de decretos de regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas e dos conservatorios

A Mesa Sectorial Docente non Universitaria rematou hoxe de analizar os proxectos de decretos polos que se establecen os regulamentos orgánicos das escolas oficiais de idiomas e dos conservatorios de música e danza de Galicia. Con estas normas, dótase por primeira vez a estes centros de ensinanza de réxime especial dunhas regras de funcionamento, e dun marco de organización diferenciado dos centros docentes que imparten ensinanzas de réxime xeral. Dáse resposta así a unha necesidade plantexada en numerosas ocasións polas comunidades educativas deses centros.

Estes son os primeiros regulamentos orgánicos de centro que se elaboran despois de aprobada a Lei Orgánica de Educación (LOE), no ano 2006D, polo que queda reflectido así o compromiso da actual Consellería de Educación coas ensinanzas de réxime especial. Nestes proxectos de decreto quedan establecidos os órganos de goberno e de coordinación docente coas súas respectivas funcións; así como un marco de autonomía pedagóxica e xestión destes centros. Quedan así ademais estas regulacións adaptadas ao actual sistema educativo, xa que ata o de agora non se axustaban á LOE.

Estes proxectos presentados hoxe teñen ademais a finalidade de garantir a calidade e promover a excelencia en EEOOII e conservatorios, a través de avaliacións internas, por parte de cada centro, e externas, baixo a responsabilidade da Consellería de Educación. A partires da análise destas avaliacións poderán determinarse a eficacia das ensinanzas impartidas nestes centros e introducir melloras, se é o caso. Estes procesos de avaliación estenderanse a todos os ámbitos de actuación, especialmente aos relativos aos procesos de aprendizaxe e resultados do alumnado, á actividade do profesorado, á función directiva e ao funcionamento e organización dos centros.

Redes de formación musical e de danza

Os proxectos de decreto introducen entres os seus aspectos máis innovadores a posibilidade de que os conservatorios profesionais e elementais e as escolas de música e danza poderán conformar redes de formación musical e de danza, co fin de coordinarse para realizar proxectos conxuntos. Como requisito, os centros deben ser de titularidade pública, e situarse nunha determinada área xeográfica.

Grazas a esta unión, os conservatorios poderán mellorar os seus métodos pedagóxicos, así como acadar un maior aproveitamento dos seus recursos e un enriquecemento das experiencias que se leven a cabo na zona que abarca a rede.