A Consellería de Educación e Caixanova recoñecen o traballo de corenta estudantes da eso cos premios extraordinarios ao rendemento académico e ao esforzo e superación persoal

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, entregou os galardóns nun acto celebrado no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela
Ven, 26/03/2010 - 14:03

Corenta estudantes gañadores dos premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico, e ao esforzo e superación persoal correspondentes ao curso 2008-2009 viron hoxe recoñecido o seu traballo no acto de entrega de galardóns celebrado hoxe no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, felicitou aos rapaces e rapazas, polo que cualificou como un  “merecido recoñecemento ao seu esforzo, ao seu traballo e aos seus méritos”; e destacou que os homenaxeados son "un exemplo de que o noso sistema educativo que non só funciona, senón promove a excelencia".

Vázquez Abad presidiu o acto de entrega acompañado do director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea; entidade que participa nestes premios a partes iguais con  Educación, e á que agradeceu “a colaboración prestada na convocatoria destes galardóns, e na organización deste acto, que ademais de merecido, entendo que é necesario porque pode servir de aliciente para o alumnado en xeral”. Ademais destes galardóns, Caixanova tamén colabora coa Consellería no desenvolvemento doutras iniciativas, entre as que destacan a convocatoria dos Premios de Interpretación Musical e a posta en marcha do taller de teatro Teatronova-Obradoiro na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD).

Implicación da comunidade escolar

O conselleiro de Educación fixo especial mención ao papel protagonista que toda a comunidade escolar, “alumnado, familias, profesorado e administración”, debe ter na responsabilidade que supón a educación dos cidadáns do futuro. Deste xeito, Vázquez Abad felicitou ás familias dos galardoados “porque, sen dúbida, son un referente para acadar este logro. O ensino non pode encerrarse entre os muros da escola ou do instituto, necesita a implicación de todos, día tras día apoiando os vosos bos e malos momentos”, destacou.

Igualmente, o Vázquez Abad aludiu ao traballo do profesorado, “que coa súa actividade encamiña as inquietudes e as capacidades de cada unha das persoas premiadas”. “Estes premios, pois, -resumiu- son un recoñecemento tamén ao seu labor desinteresado”.

Educación, “a mellor inversión de futuro”

Por outra banda, o responsable de Educación non esqueceu a responsabilidade da administración, ao explicar que “aos poderes públicos aos que nos corresponde dotar dos medios e recursos necesarios para acadar a calidade do ensino a que aspiramos". Así mesmo, incidiu na satisfacción que supón para o seu departamento esta tarefa, que cualificou como “a mellor inversión de futuro”.

Como galardón, os premiados -vinte na categoría de rendemento académico, e outros vinte na de esforzo e superación persoal- recibiron un ordenador portátil e un diploma acreditativo. Porén, o verdadeiro espírito deste acto de homenaxe impulsado pola Consellería e Caixanova é dar pulo á educación de calidade en Galicia, co obxectivo de conseguir un sistema de ensino baseado na responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal. Ademais, foméntase o desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe e a confiar nas súas aptitudes e coñecementos, na súa creatividade, iniciativa persoal e espírito emprendedor.