O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación asistiu á presentación da introdución do libro electrónico nas aulas

Coa presenza de José Luis Mira a Consellería de Educación respondeu á invitación das editoriais Santillana e Grammata responsables desta iniciativa

Xov, 25/03/2010 - 13:24

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, asistiu hoxe á presentación do proxecto piloto para introducir o libro electrónico nas aulas.

Coa presenza de José Luis Mira, a Consellería de Educación respondeu a invitación das editoriais Santillana e Gammata que foron os responsables de desenvolver o proxecto así como de seleccionar o centro santiagués Junior´s. Os alumnos de cuarto de secundaria serán os primeiros en España, de educación non universitaria, en comprobar a efectividade dos e-book que no que resta de curso escolar convivirán nas aulas cos libros tradicionais.

Durante a presentación do proxecto, realizada no mosteiro de San Martiño Pinario, o director xeral de Educación destacou que “na sociedade baseada no coñecemento é necesaria unha formación continuada ao longo de toda a vida. Para o que se precisa o esforzo de todos na dotación de equipamento e de infraestruturas para permitir o acceso á información e aos recursos, capacitando ao profesorado para un óptimo manexo destas ferramentas”.

José Luis Mira aproveitou o acto para recordar que ”para que esta situación se produza os centros educativos téñense que converter en espazos para aprender. Neste contexto a incorporación á metodoloxía docente das tecnoloxías da información e da comunicación xoga un papel decisivo xa que facilita o desenvolvemento dunha acción formativa flexible, centrada no estudante e adaptada ás súas características e necesidades, cun seguimento individualizado do progreso do alumnado”.