A Comisión Mixta do Sistema Galego de Universidades para a docencia clínica aprobou os representantes das comisións docentes no grao de Medicina

No encontro puxéronse en común suxestións das partes para a regulación da figura do profesor colaborador docente

Mér, 24/03/2010 - 16:33

A Comisión Mixta Paritaria do Sistema Galego de Universidades para a docencia clínica mantivo hoxe un encontro entre os representantes das Consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, Sanidade, o Sergas, e as tres universidades galegas no que se deron a coñecer os nomes do representantes das Comisións Docentes do Grao en Medicina nos hospitais universitarios da rede do Sergas. Isto en base a unha lista de nomes proposta, presentada e consensuada entre o Sergas e a Facultade de Medicina

Así mesmo déronse a coñecer as suxestións das distintas partes para proceder á futura regulación da Comisión Mixta e da figura do Profesor Colaborador Docente (PCD). De este xeito cúmprese co acordado no documento asinado o 26 de febreiro polos titulares das Consellerías de Educación, Sanidade e os tres reitores das universidades
galegas.

Futuros encontros

Nun clima de dialogo todos os presentes acordaron desenvolver traballos que permitan, dunha forma inmediata, a posta en marcha do establecido no documento asinado o mes pasado. De este xeito permítese impartir a docencia clínica aos estudantes da Facultade de Medicina nas mellores condicións.

Continuando coa liña de dialogo a Comisión Mixta acordou un próximo encontro no que se estudarán os borradores da normativa necesaria para levar a práctica as bases da colaboración interuniversitaria na docencia clínica.

No encontro celebrado hoxe na Consellería de Educación estiveron presentes José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; Rocío Mosquera Álvarez, xerente do SERGAS; José Castillo Sánchez, catedrático da USC; xefe do servizo de Neuroloxía do CHUS; Jerónimo Forteza Vila, catedrático da USC; xefe do servizo de Anatomía Patolóxica do CHUS; Alfonso Castro Beiras, profesor titular da UDC; xefe do servizo de Cardioloxía do CHUAC; Xosé Luis Armesto Barreiro, vicerreitor de profesorado da UDC; Antonio García Pino, vicerreitor de organización académica e profesorado da UVigo; Juan Francisco Gálvez Gálvez, vicerreitor do  Campus de Ourense da UVigo; José Ramón Gómez Fernández, subdirector operativo do CHUS; Carlos Gómez Otero, secretario xeral adxunto da USC; Juan Viaño Rey, vicerreitor de profesorado e organización académica da USC; José Manuel Váquez Rodríguez, director de organización e xestión clínica do CHUAC; Julio García Comesaña, subdirector operativo do CHUVI; José Mª Fraga Bermúdez, catedrático da USC, decano da Facultade de Medicina; Mª Beatriz Soutelo Ferro, subdirectora xeral de Universidades; e Javier José Paz Esquete, subdirector xeral de Investigación, Docencia e Innovación