Profesores de catro países europeos visitan Galicia para coñecer os servizos de orientación da Consellería de Educación

Os orientadores, que visitan a nosa Comunidade no marco do Programa Academia, analizarán o funcionamento de varios centros integrados de formación profesional
Dom, 21/03/2010 - 14:48

Galicia acollerá desde mañá luns ata o vindeiro venres unha expedición a orientadores de 4 países europeos, que visitan a nosa Comunidade no marco do Programa Academia. O obxectivo desta viaxe é coñecer os principais servizos de orientación educativa e profesional ofrecidos pola Consellería de Educación para axudar aos mozos e mozas no período de transición do sistema educativo ao mundo laboral.

Con este fin, estes profesionais da orientación chegados de Francia, Noruega, Eslovenia e Dinamarca; percorrerán varios centros nos que se imparten ensinanzas de formación profesional, onde poderán analizar en primeira persoa os servizos de información e orientación desenvolvidos.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, recibirá mañá na Consellería ao grupo, co que intercambiará impresións sobre o funcionamento  dos sistemas educativos dos seus respectivos países de orixe.

Logo desta recepción, e durante os 5 días que durará a visita, a expedición coñecerá o funcionamento dos centros integrados de formación profesional en Galicia, nas instalacións do CIFP Compostela, e do CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra; e dos institutos de secundaria que imparten estas ensinanzas, nos IES Paseo das Pontes, de A Coruña; e Sanxillao, de Lugo. Os visitantes terán tamén a oportunidade de ver como traballan os servizos de información e orientación no ámbito universitario, no Vicerreitorado de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela; de orientación Laboral, no Servizo Galego de Emprego; e outras do ámbito educativo, co Equipo de Orientación Específico.

Ademais, estes profesionais europeos da orientación coñecerán as experiencias de atención á diversidade do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón, de Santiago de Compostela; e do Centro da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), en Lugo.

Intercambio de experiencias

Academia é un proxecto europeo anual de mobilidade, dirixido aos profesionais da Orientación Profesional, principalmente orientadores e profesorado de Formación e Orientación Laboral (FOL); encadrado dentro do Programa Leonardo da Vinci. Está coordinado polo Ministerio de Educación, a través do Centro Nacional de Recursos para a Orientación Profesional (CNROP), en colaboración coas Comunidades Autónomas.

O programa proponlles a estes profesionais estancias noutros países para o intercambio de experiencias e observación de boas prácticas, ben sexa a través dunha estancia temática ou dun programa de inmersión, con prácticas nun servizo de orientación do país de destino. Na presente edición e no marco deste programa, profesionais da orientación a Comunidade Autónoma de Galicia poderán coñecer os sistemas de orientación profesional de Estonia, Francia e Reino Unido.

Academia constitúe outra das accións a través das que a Consellería de Educación favorece a preparación dos alumnos e alumnas que cursan ciclos formativos para se enfrontar ao mercado de traballo. Grazas a estas iniciativas, os titulados en ciclos de grao medio e superior de FP acadan altos niveis de empregabilidade, que superan o 80% na maior parte dos casos. Desta forma ademais, a Consellería de Educación pon en valor a imaxe da FP, que supón un auténtico sistema de oportunidades de acceso ao emprego e de mobilidade cara aos estudos universitarios, cuestións fundamentais nestes tempos de crise económica.