A Consellería de Educación impulsa a adaptación das universidades galegas ao espazo europeo de educación superior

O Consello da Xunta deu o visto e prace á distribución de fondos entre as tres universidades galegas, co fin de garantir que se mantén a súa excelencia

Xov, 18/03/2010 - 17:18

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria distribuirá fondos entre as universidades para evitar que a diminución dos ingresos non financeiros non afecte a calidade do ensino no Sistema Universitario de Galicia, nin á adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). O Consello da Xunta aprobou hoxe a repartición dunha achega adicional prevista nos orzamentos de 2010, poñendo así de manifesto o compromiso do goberno galego coa calidade da ensinanza nestes tempos de crise económica.

Na actualidade a evolución do Plan de Financiamento das Universidades de Galicia 2005-2010 susténtase fundamentalmente na taxa de variación dos ingresos non financeiros dos orzamentos consolidados da Comunidade Autónoma, que diminuíu en 2010 un 11,94%, como consecuencia da crise económica. Esta situación supón unha baixada substancial nas expectativas do Plan que non permite manter a actividade universitaria, nun momento especialmente sensible coa implantación dos criterios do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Por este motivo, nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2010, o goberno galego decidiu a inclusión de diversas achegas adicionais ao Plan de Financiamento en partidas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o último ano de vixencia do Plan de Financiamento. En consecuencia, o Consello da Xunta aprobou hoxe repartir estes fondos adicionais entre as tres universidades de Galicia. Deste xeito, as achegas, de 28,2 millóns de euros, distribuiranse proporcionalmente ao que reciben as 3 universidades polo Fondo de Financiamento Incondicionado do Plan de Financiamento vixente en 2010. Ademais, haberá unha partida de 2,8 millóns de euros distribuídos entre as 3 universidades de acordo aos criterios e indicadores establecidos no exercicio 2009 para a adaptación das universidades ao EEES.

Bases sólidas de financiamento

Esta iniciativa da Xunta de Galicia quere mitigar os efectos da crise sobre a mocidade galega, especialmente sobre aquel sector da poboación que está a facer o esforzo –tanto intelectual como económico- para se formar, e converter así Galicia nunha terra con todas as oportunidades de futuro abertas.

A través desta acción vaise garantir ademais que se manteña a calidade do ensino no Sistema Universitario Galego (SUG), así como as iniciativas de I+D+i necesarias para seguir acadando recoñecementos como os de Campus de Excelencia Internacional logrado este ano.

Na mesma liña, e para evitar que se repita esta situación, a Consellería de Educación, a través da Comisión de Financiamento do Consello Galego de Universidades, está a preparar un novo Plan de Financiamento 2011-2015, no cal se van establecer unhas bases en que os recursos non dependan fundamentalmente dos ingresos non financieiros. Así, a nova planificación premiará o esforzo das universidades con base en indicadores como os resultados acadados en investigación e calidade da docencia, o número de anos en que os seus estudantes tardan en rematar os seus estudos ou o número de empresas creadas.

O futuro Plan de Financiamento, que o anterior goberno non logrou sacar adiante, será elaborado en colaboración con todas as partes implicadas, e construirá unhas bases sólidas para o desenvolvemento e o éxito do Sistema Universitario Galego