O programa Bocaberta de Política Lingüística prosegue o seu percorrido para fomentar o galego entre os máis novos

As actividades que o departamento de Anxo Lorenzo desenvolve xunto coas principais editoriais galegas chegaron hoxe aos concellos do Porriño, Becerreá, Bueu, Moaña e Culleredo

Lun, 23/11/2009 - 14:01
Programa Bocaberta
Programa Bocaberta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística continúa o seu percorrido polos concellos galegos para promover co seu programa Bocaberta o uso da lingua galega entre as franxas de idade máis novas. As localidades do Porriño, Becerreá, Antas de Ulla, Bueu e Moaña serán os escenarios que hoxe acollerán as actividades desta iniciativa que está a desenvolver o departamento de Anxo Lorenzo en colaboración coas principais editoriais galegas.

Ata o centro cultural do Porriño chegou hoxe Contos para falar, unha actividade que se desenvolve en colaboración coa editorial Rodeira consistente en montaxes narrativas e musicais que levan os nenos e nenas de entre 3 e 9 anos por unha viaxe ao longo de Galicia. Por outra banda, os rapaces e rapazas de 11, 12 e 13 anos do instituto Illa de Ons de Bueu puideron compartir o proceso de creación e ilustración de obras literarias a través da actividade Creando historias, organizada en colaboración coa editorial A Nosa Terra. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, será o IES A Paralaia de Moaña o escenario desta actividade.

Os máis novos de Antas de Ulla tamén puideron gozar hoxe do programa Bocaberta coa iniciativa Titiricontos, que tivo lugar na Casa da Cultura deste concello. Trátase dunha representación de monicreques da historia de Perico, o cangrexo, baseada nunha colección infantil da editorial Ir Indo. O programa Bocaberta tamén chegou hoxe ao CEIP San Xoán Becerreá a través de Monicrequeando, un espectáculo de marionetas deseñado pola Editorial Galaxia no que os rapaces e rapazas que participan reciben un libro coa historia Rato Pincho e mais un manual no que se lles aprende a construír monicreques. Finalmente, a Biblioteca Municipal de Culleredo acolleu Palabras no ar, unha actividade de dinamización do galego en colaboración con Kalandraka que lles achega aos máis pequenos os nosos arrolos, ritmos, rimas, xogos, refráns etc.

Mañá martes, os concellos do Porriño, Culleredo, A Fonsagrada, Mondoñedo, A Proba do Caramiñal, O Páramo e Porto do Son serán os escenarios onde se desenvolvan algunhas das actividades do programa Bocaberta, no que está previsto que ata fin de ano participen arredor de medio millón de rapaces e rapazas nos 286 concellos aos que chegará este programa de dinamización do galego. Na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega, pode consultarse o calendario completo de datas.

Unha oferta lúdica e educativa para fomentar o uso da lingua galega

O programa Bocaberta confórmano diversas actividades elaboradas desde os intereses dos nenos e dos mozos, como teatriños, exposicións, contacontos, emisións radiofónicas, montaxes audiovisuais, obradoiros de diversas temáticas ou proxeccións de películas. Con este programa, a Xunta de Galicia reafirma a súa vontade de fomentar o galego entre os máis pequenos, buscando a implicación das administracións, dos axentes culturais e do conxunto da sociedade.

Menús News node R