Política Lingüística impulsa a creación de materiais pedagóxicos e lúdicos en lingua galega a través da obra ‘xadrez para todos’
A secretaría xeral vén de facer posible a versión en galego dun novo volume desta colección para aprenderlles o xogo do xadrez aos máis novos de forma doada e pedagóxica
A Secretaría Xeral de Política Lingüística segue a traballar para garantir unha ampla e variada oferta de materiais pedagóxicos e lúdicos en lingua galega. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén de facer posible a edición en galego dun novo volume de Xadrez para todos, unha colección composta por diversos manuais de iniciación e perfeccionamento deste antigo xogo de estratexia.
Logo de facilitar a edición en galego do primeiro manual de iniciación, que lles foi distribuído aos centros de ensino de Galicia o pasado 2009, a secretaría xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria xa ten dispoñible o segundo volume deste nivel na lingua propia de Galicia. Os interesados poden descargar de balde ambos os manuais na páxina web de Política Lingüística: www.xunta.es/linguagalega.
Xadrez para todos é unha colección de diversos manuais promovida por Balàgium Editors que vén cubrir un baleiro bibliográfico no ámbito do ensino do xadrez escolar e que grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén está dispoñible en lingua galega.
Ampliación da oferta de materiais pedagóxicos en galego
Xadrez para todos confórmano materiais pedagóxicos para o ensino do xadrez nos ámbitos educativo, deportivo e lúdico artellados a través dun completo currículo en contidos e en obxectivos axeitados para poder ensinar e aprender o xogo do xadrez dunha forma doada, pedagóxica universal e continuada.
A través desta iniciativa, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca contribuír á difusión da aprendizaxe deste deportexogo e impulsar a creación de materiais pedagóxicos e lúdicos en lingua galega.