A Xunta confirma á Universidade de Vigo que terá espazo da ETEA para desenvolver o proxecto do campus de excelencia internacional do mar

Destacouse que o desenvolvemento de este proxecto “e bo para Vigo e para Galicia”

Lun, 08/03/2010 - 19:36

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, confirmou hoxe que a Universidade de Vigo terá espazo da ETEA (Escola de Transmisións e Electricidade da Armada) para desenvolver o proxecto do Campus de Excelencia Internacional do Mar. A noticia deuse a coñecer tras unha reunión mantida, esta mesma tarde, entre o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesus Vazquez Abad e, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago.

Unha vez rematado o encontro Vázquez Abad declarou aos medios de comunicación que “dentro das actuacións futuras que se desenvolverán nos terreos da ETEA, a Xunta terá en conta o proxecto que se está promovendo por parte da Universidade de Vigo”. Trátase dun gran avance, que tal e como recordou o conselleiro “é bo para Vigo e para Galicia. Xa que isto responde aos criterios de calidade, de excelencia e de interese xeral no ámbito da universidade e da economía do coñecemento”.

Con este acordo a administración galega da un paso máis na súa aposta por facer máis competitivo o sistema universitario galego, a través da coordinación e colaboración entre as Universidades e no que se garanta a excelencia na docencia e na investigación.

O titular de Educación recordou que este paso da conta da “vontade de entendemento mostrado entre todos os implicados”, e que se produce tras as conversas mantidas nas últimas semanas entre o reitor de Vigo, a Consellería de Educación e a Consellería do Mar.

A Xunta de Galicia, a partir de agora, abre un proceso de diálogo coa Universidade de Vigo para garantir de forma conxunta e coordinada o desenvolvemento e a viabilidade deste proxecto. “Diálogo que, que por suposto, faremos extensivo ao resto de administracións e institucións implicadas nel”, xa que “para a Xunta este é un proxecto importante que precisa do traballo de todos”, dixo Vázquez Abad.

“Do mesmo xeito que nos comprometemos coa Universidade de Santiago para apoiar o Campus de Excelencia no ámbito das ciencias da saude –engadiu- volvemos comprometernos hoxe coa Universidade de Vigo para acadar con este proxecto a excelencia nacional e internacional no ámbito das ciencias do mar”

Declaracións de Xesús Vázquez