O proxecto ABALAR convertirá o vindeiro curso máis de 200 colexios e institutos en centros educativos dixitais

Arredor de 14.500 rapaces de primaria e secundaria disporán de cadanseu ordenador ultraportátil
Ven, 05/03/2010 - 13:20
O conselleiro de Educación durante a presentación do proxecto Abalar
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luís Mira Lema; e o subdirector xeral de Sistemas Informáticos de Educación, Carlos Vázquez Mariño

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luís Mira Lema; e o subdirector xeral de Sistemas Informáticos de Educación, Carlos Vázquez Mariño; presentaron esta mañá o Proxecto ABALAR, que substancia a estratexia para a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, como unha das áreas prioritarias de intervención da Consellería. Plantexado como un dos programas máis ambiciosos do Goberno galego nesta lexislatura, ABALAR suporá un cambio no modelo de ensinanza-aprendizaxe, coa conversión dos colexios e institutos galegos en Centros Educativos Dixitais (CED).

Arredor de 14.500 alumnos e alumnas de educación primaria e secundaria obrigatoria poderán mellorar as súas competencias dixitais desde o curso 2010/2011 grazas á implantación nos centros educativos galegos deste proxecto, que busca ademais a participación activa de todos os membros da comunidade educativa, incluídas as familias.

A Consellería de Educación, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta inviste máis de 8 millóns de euros para integrar as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) en todos os ámbitos do ensino, mediante accións que permitan dotar de equipamento e infraestruturas aos centros, de contidos, ferramentas dixitais, así como formación aos membros da comunidade escolar. “De feito, en 2009 investíronse 1,1 millóns de euros en mellorar as infraestruturas eléctricas e de datos en 138 centros educativos, entre eles o 100% dos CPI e unha elevada porcentaxe dos IES, para que podan participar no proxecto coas garantías técnicas necesarias”, explicou Xesús Vázquez Abad.

O proxecto ABALAR integrará os recursos actuais dun xeito organizado, eficiente e lóxico, aproveitando ademais os recursos que o Ministerio de Educación propón ás Comunidades Autónomas no marco do Proyecto Escuela 2.0, que achega arredor de 4,3 millóns de euros, co fin de acadar o seu obxectivo no menor tempo posible. Esta aportación sumada aos máis de 8 millóns de inversión da Xunta, permiten que a primeira fase do proxecto conte cun orzamento de máis de 12 millóns de euros.

Tal e como explicou o conselleiro de Educación, o proxecto, que estenderá a súa actuación ata 2013, dotará xa neste primeiro ano de equipamentos e dispositivos informáticos a máis de 700 aulas, distribuídas en máis de 200 instalacións educativas de Galicia. Ao longo desta lexislatura, ABALAR aspira a achegar as TIC a máis de 1000 centros educativos e 87.000 alumnos. “O obxectivo que se persegue é o cambio do modelo educativo galego, mellorando a súa eficiencia, eficacia e modernización”, destacou Vázquez Abad.

Integración das TIC

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destacou que a integración das TIC en todos os ámbitos da sociedade é un obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia. Neste sentido, lembrou que o Proxecto Abalar se enmarca na iniciativa “eGoberno 2013”, que busca a implantación dun novo modelo de prestación de servizos públicos, facendo especial fincapé nos que acumulan un maior atraso tecnolóxico e que implican unha gran repercusión social. A educación, a sanidade ou a xustiza son, segundo recoñeceu, os eidos principais nos que se está a desenvolver este novo modelo, en colaboración coas entidades locais e o sector empresarial.

Mar Pereira indicou que a integración das TIC na práctica educativa non “consiste unicamente en dotar de infraestruturas tecnolóxicas ou equipar as aulas con ordenadores e encerados dixitais”. A secretaria xeral explicou que  posta en marcha do proxecto Abalar implica substituír o concepto de "Centro Educativo" polo de "Centro Educativo Dixital", como aquel que posúe os recursos humanos e pedagóxicos, o nivel de conectividade e as infraestruturas de soporte suficientes como para permitir o uso dos dispositivos informáticos na actividade docente e de aprendizaxe.

Neste sentido, Mar Pereira quixo recalcar que o achegamento das novas tecnoloxías ao eido educativo debe ir acompañado de plans que permitan aos profesores  adquirir a capacitación pedagóxica suficiente e contar con materiais didácticos axeitados aos proxectos educativos. Destacou que a renovación tecnolóxica implica que os soportes tradicionais irán sendo substituídos por outros soportes máis interactivos que utilicen toda a potencialidade das TIC para a aprendizaxe. Deste xeito, sinalou, se abre un “novo escenario de colaboración e oportunidade para os editores e para o sector tecnolóxico galego, que da man deben deseñar solucións para este novo contexto dixital”.  Outro aspecto importante deste proceso é, segundo a secretaria xeral, que non implica unicamente a profesores e alumnos senón que se estende a todos os participantes da comunidade educativa  (centros, familias, editores de contidos, provedores de tecnoloxía, administración...)

Para a responsable de Innovación Tecnolóxica o proxecto Abalar representa un esforzo conxunto para a integración das TIC na educación e foi concibido como un piar fundamental para a modernización de Galicia, permitindo reducir a histórica fenda dixital e mellorar o benestar da cidadanía. 

Implicación de todos os axentes

A conversión de colexios e institutos en Centros Educativos Dixitais esixe a adopción e integración das TIC en todos os ámbitos do proceso educativo, a través do fomento da Cultura Dixital, e coa implicación das familias e de toda a comunidade educativa. Para favorecer esta participación, o proxecto disporá dun portal web propio, ‘espazoABALAR’, que será o referente dos servizos educativos en Galicia para toda a comunidade –profesorado, alumnado, familias, AMPAS...-.

ABALAR concibe ás familias como actores fundamentais na innovación da metodoloxía educativa, que deben estar plenamente implicados nas actividades de estudo e seguimento da aprendizaxe dos fillos. Neste sentido, o portal proporcionará aos pais e nais información directa do absentismo e seguimento académico dos fillos, grazas a un procedemento de comunicación directa e multicanle cos profesores e titores. Ademais, a web facilitará a xestión telemática de todos os trámites relacionados coa educación.

Desde a perspectiva do alumnado, ‘espazo ABALAR’ permitirá nun futuro novos mecanismos para traballar con estudantes que requiran unha atención especial e diferenciada. Deste xeito, posibilitará a educación a distancia, facilitando o acceso ao ensino a enfermos de longa duración hospitalizados ou nas súas vivendas, persoas con mobilidade reducida, e estudantes con necesidades específicas. Ademais, permitirá un amplo seguimento académico, e a interacción co profesor ou a dirección do seu centro, o que se traduce nun claro fomento da actitude colaborativa.

No tocante ao profesorado, a web terá un 'Caderno do profesor', no que se proporcionarán as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das actividades diarias de seguimento e control do traballo docente. Este instrumento vai incorporar ferramentas para o control da asistencia, o diario de clases, as tarefas e traballos asignados aos alumnos, medidas correctoras, e o seguimento da programación.

A súa participación no proxecto vai quedar tamén favorecida polo 'Repositorio de Contidos Educativos Dixitais'. Trátase dunha ferramenta que permitirá a xestión, difusión e emprego dos recursos educativos desenvolvidos pola comunidade educativa de Galicia para integrar as TIC, e onde se agregarán outros de diferente procedencia (repositorios doutras Comunidades Autónomas, Ministerio ou mesmo internacionais). Isto significa, dunha banda fomentar a colaboración entre a comunidade docente, aproveitando ademais as mellores prácticas desenvolvidas nos centros máis avanzados; e doutra poñer en valor o seu traballo, como actores fundamentais do cambio educativo. 

Infraestruturas, recursos e ferramentas

No eido tecnolóxico, organizaranse os recursos existentes, garantindo ademais a dotación e mantemento da infraestrutura TIC para todos os centros educativos. Deste xeito, a adhesión ao proxecto reportará aos centros vantaxes como a mellora da súa conectividade a internet, e dotación de equipamento tecnolóxico, de tal forma que cada aula dos cursos suxeitos ao programa disporá dun encerado dixital, un canón proxector, un ordenador para o profesor, e un ultraportátil para cada alumno e alumna.

A Consellería de Educación é consciente de que, para ter unha verdadeira funcionalidade, os dispositivos tecnolóxicos precisan do apoio do eido docente. Para mellorar a capacitación do profesorado, ABALAR deseña un plan de formación específico –con actividades presenciais e a distancia- para habilitalo no uso das TIC na práctica docente. Ademais, proporcionaránselles contidos e recursos educativos dixitais que faciliten o desenvolvemento de novos modelos pedagóxicos, fomentando a produción e o intercambio de contidos propios entre os docentes galegos.

Neste proceso vai ser unha peza fundamental o repositorio de contidos educativos de Galicia, no que se poderá acceder a recursos dixitais adaptados aos contidos curriculares homologados, que poidan ser empregados na aula coa tecnoloxía despregada e cos coñecementos adquiridos no plan de formación.

Información aos centros

A Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa xa se ten posto en contacto con todos os centros públicos que imparten 5º, 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO, solicitándolles información sobre a súa situación tecnolóxica e de desenvolvemento de proxectos relacionados coas TIC. Tamén se contactou coas asociacións de centros concertados, que mostraron o seu interese en participar no proxecto, e aportaron información dos seus centros.

A partires da análise desta información, Educación seleccionará que centros van participar na primeira fase do proxecto, que se vai desenvolver durante o curso 2010-2011, sempre considerando os criterios técnicos -dispoñer de infraestruturas e conectividade axeitada-, organizativos e de implicación do profesorado do centro no proxecto.

Na carta enviada aos centros, a Dirección Xeral de Educación, dáballes a coñecer as vantaxes da adhesión ao proxecto, tanto desde o punto de vista da dotación de infraestruturas e equipamento tecnolóxico, como da innovación da metodoloxía educativa; incluíndo tamén información sobre os eixos de actuación de ABALAR.

Unha aposta de futuro

Baseado sobre accións planificadas no ámbito da tecnoloxía, da metodoloxía educativa, e da capacitación dos docentes, a meta final que persegue ABALAR é un cambio integral no modelo educativo, de tal forma que se pase do uso dunha aula específica de informática a que esta sexa parte diaria da actividade en todas as aulas. Do mesmo modo, o profesor xa non ensinará informática, senón que a empregará para impartir docencia.

O proxecto prevé distribuír as súas actuacións entre 2010 e 2013. Durante este período, está previsto que se beneficien da modernización do ensino uns 87.000 alumnos de 1.000 centros educativos, ademais de 15.000 docentes, que recibirán formación específica para o uso das TIC na súa práctica diaria.