A Consellería de Cultura e Educación promove unha nova campaña que dinamizará a lingua galega na hostalería

200.000 manteis con xogos e palabras encherán os establecementos hostaleiros asociados a Hostelería Compostela, no marco de ‘Xantar Compostela’, unha niciativa en colaboración coa Consellería que dirixe Vázquez Abad

Mar, 24/07/2012 - 12:28
Presentación da nova edición da campaña de dinamización lingüística no sector ho
Presentación da nova edición da campaña de dinamización lingüística no sector hostaleiro, “Xantar Compostela”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de presentar unha nova edición da campaña de dinamización lingüística no sector hostaleiro, “Xantar Compostela”, que se desenvolverá nos máis de 1.500 establecementos de restauración e hospedaxe integrados na Asociación Hostelería Compostela e localizados en máis de 50 concellos, entre os que se atopan unha grande parte dos pertencentes á Comarca de Santiago de Compostela.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi o encargado de presentar en rolda de prensa esta iniciativa coa que a Consellería dirixida por Xesús Vázquez busca, a través do sector hostaleiro, fomentar o uso da lingua galega, facer visible a presenza do idioma e favorecer a súa oferta positiva.

Novo proxecto

En palabras de García Gómez, “A Xunta de Galicia, da man de Hostelería Compostela, quere con este proxecto converter a lingua galega no mellor dos comensais e que toda a clientela dos establecementos asociados comparta mesa co idioma propio de Galicia”. “Os locais hostaleiros e gastronómicos son, de sempre, os espazos das relacións sociais da xente e, por tanto, lugares nos que a lingua galega ten que medrar e afianzarse”, dixo o secretario xeral. “Impulsamos a través desta iniciativa a visibilidade do galego e a súa proxección no mundo, en maior ou menor medida, ao favorecer que os turistas de fóra de Galicia que se acheguen a gozar da gastronomía galega poidan comprobar que contamos cunha lingua de noso, e ata aprender as correspondencias galegas das palabras do seu idioma”. García Gómez pechou a súa intervención poñendo de relevo o importante papel que xoga a Asociación Hostelería Compostela na dinamización do galego no seu sector, dentro do que esta entidade constitúe “a máis importante de Galicia e unha das máis activas a nivel estatal”.

No acto, que tivo lugar no Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela na véspera da celebración do Día de Galicia, participaron, canda García Gómez, Aser Alvárez representante da Restauración de Hostelería Compostela e mais Rebeca Domínguez, concelleira de Normalización Lingüística de Santiago.

Xogos e pasatempos para enfeitar as comidas

Catro deseños de manteis con diferentes xogos de palabras e pasatempos destinados a encher as esperas que preceden as comidas centran a campaña “Xantar Compostela”. Dous deles están pensados para os máis pequenos e inclúen lapis para debuxar e colorar. Os outros dous modelos teñen como público destinatario a clientela adulta, un deles específico para que as persoas de fóra de Galicia poidan aprender nese tempo algún léxico básico en galego, que conta coas traducións correspondentes ao castelán, ao inglés, ao francés e ao alemán. A tiraxe desta edición chega aos 200.000 manteis.

Un sector estratéxico para a dinamización da lingua

A hostalería, vencellada ao Camiño de Santiago e á cidade de Compostela como espazo de ida e vida dun número considerable de galegos, constitúe un dos piares económicos da cidade compostelá e da súa comarca. A aposta deste sector estratéxico pola dinamización lingüística é referencia para os establecementos de restauración e hospedaxe do resto do país, e tamén o é, en termos xerais, para o sector empresarial.

Como espazo de interacción e de relacións sociais por excelencia, as iniciativas dirixidas á hostalería acadan xeralmente un impacto social importante, dada a proximidade coa cidadanía.

Unha iniciativa que materializa directrices do PXNLG

No marco do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) contémplanse unha serie de medidas dirixidas a promover a oferta positiva de atender o cliente no idioma propio de Galicia en todo tipo de empresas e, nomeadamente, naquelas que, coma as hostaleiras, manteñan relacións directas co cliente individual galego.

Amais diso, o PXNLG propón como medida no ámbito do turismo que se asocie a lingua galega ao concepto de patrimonio, paisaxe e ecoloxía da actividade turística, co obxectivo de lograr que os visitantes e peregrinos regresen aos seus fogares sabendo que Galicia ten unha lingua de seu e que este coñecemento lles resulte unha experiencia agradable.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverá esta campaña, da man de Hostelería Compostela, coa finalidade de darlle cumprimento a estas directrices emanadas do PXNLG.

Menús News node R

Departamento

Colectivo