A Consellería de Cultura e Educación dotará os centros educativos públicos galegos de 411 auxiliares de conversa o vindeiro curso

 No curso 2012/2013 o sistema educativo galego público terá multiplicado por 6,1 o número de auxiliares con que contaba ao inicio da lexislatura

Ademais, o departamento educativo da Xunta concederá axudas para a contratación de auxiliares en centros concertados

Deste xeito continúa a despregarse o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que superou xa amplamente as expectativas previstas ata a fin da lexislatura

Xov, 19/07/2012 - 15:32

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dotará o sistema educativo público galego, o vindeiro curso 2012/2013, de 411 auxiliares de conversa, persoas de apoio ao ensino e á aprendizaxe das linguas estranxeiras que exercen o seu labor na rede de colexios e institutos galegos públicos pertencentes á rede de centros plurilingües e de seccións bilingües, e na rede de escolas oficiais de idiomas. Para iso, o Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura dun acordo entre a Consellería e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, polo que se asignan 350 auxiliares aos devanditos centros, que serán financiados e xestionados polo Goberno autonómico, para o cal se investirán máis de 2 millóns de euros. A eles haberá que sumar 39 auxiliares financiados polo ministerio.

Ademais, a comunidade disporá de 18 sénior – nativos xubilados que desenvolven o seu labor nos centros plurilingües do rural galego-. Así mesmo, está previsto que se volva contar cos 3 profesores visitantes estadounidenses que xa se incorporaron o pasado curso para prestar o seu apoio ao ensino do inglés en centros educativos galegos durante todo o ano académico, ao abeiro dun convenio asinado co ministerio; e co profesor de lingua francesa a tempo completo, froito do convenio de colaboración entre a consellería e a Academie de Amiens. En resumo, o sistema educativo reflicte un 14% de incremento respecto do curso pasado.

Esta actuación permitirá que no 2012/2013 o sistema educativo galego teña multiplicado  por 6,1 o número de auxiliares con que contaba ao inicio da lexislatura (67 auxiliares no curso 2008/2009).

Axudas para ensino concertado

Por outra banda, a reunión semanal do Goberno galego deu hoxe tamén luz verde á convocatoria dunha liña de axudas pola que Cultura e Educación destinará 204.000 euros a facilitar a contratación de auxiliares de conversa en centros concertados que realicen funcións de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro, non cubertas polo concerto educativo.

Deste xeito, a consellería continúa a despregar o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que no curso 2011/2012, con máis de 40.800 estudantes beneficiados polos centros plurilingües e seccións bilingües, superou xa amplamente as expectativas previstas para toda a lexislatura – que era de 40.000 beneficiados por un ensino plurilingüe ata 2013-.

Linguas de apoio

Dos novos auxiliares que chegarán a Galicia ao abeiro do convenio co ministerio, 321 serán de inglés, 19 de francés, 7 de alemán, 2 de chinés e 1 de portugués. Deles, 31 desenvolverán o seu labor de apoio na rede de escolas oficiais de idiomas e os outros 319 en colexios e institutos pertencentes á rede de centros plurilingües ou de seccións bilingües de Galicia.

A consellería ten previsto incorporar á rede de centros plurilingües 39 centros, para que o vindeiro curso quede conformada por 149 colexios e institutos. Neste sentido, cómpre lembrar que todos estes colexios e institutos públicos desta rede son dotados pola consellería cun auxiliar, e que todas as seccións bilingües contan con este apoio, neste último caso de forma individual ou compartida con outro centro.

Ensino concertado

Respecto da liña de axudas aos centros concertados, poderán optar a elas os que formen parte da rede de centro plurilingües de Galicia, ou que conten con seccións bilingües, e que decidan contratar un auxiliar de conversa para o apoio no ensino das linguas estranxeiras por un período non inferior a sete meses.

As axudas destinaranse á contratación de auxiliares de conversa que realicen funcións de apoio á docencia da lingua estranxeira nestes centros educativos. Tamén á compra de material específico que sexa necesario para o desenvolvemento das clases de conversa, sempre que a cantidade destinada a este material non supere o 10% da axuda concedida.

Para a concesión das axudas a consellería valorará criterios como o número de horas semanais de apoio e o número de alumnas e alumnos a que beneficia. Segundo a puntuación que obteñan froito da baremación, os centros poderán acadar axudas de ata 6.000 euros.

Menús News node R