Cultura e Educación elabora tres novos currículos de FP de grao superior para cumprir coas necesidades de profesionais cualificados en enerxías renovables, paisaxismo e medio rural e xestión forestal e do medio natural

O Consello da Xunta aprobou hoxe tres currículos que teñen como obxectivo dar resposta ás necesidades crecentes de profesionais cualificados nestes sectores produtivos

Xov, 12/07/2012 - 16:40

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco da estratexia de posta en valor da formación profesional que vén desenvolvendo, acaba de elaborar os novos currículos do ciclo de grao superior en enerxías renovables, paisaxismo e medio rural e xestión forestal e do medio natural. 

O Consello da Xunta aprobou hoxe a homologación de tres novos currículos, o que supón que no que vai de lexislatura o actual goberno xa adaptou 45 currículos ás exixencias da Lei das cualificacións profesionais e á Lei orgánica de educación. O obxectivo destes novos títulos é o de dar resposta ás necesidades crecentes de profesionais cualificados nestes sectores produtivos.

Estes currículos adaptan as novas titulacións ao campo profesional e de traballo da realidade socioeconómica galega, así como ás necesidades de cualificación do sector produtivo respecto da especialización e polivalencia. Ademais, posibilita unha inserción laboral inmediata e unha proxección profesional futura.

Neste sentido, a inclusión do módulo de formación en centros de traballo permitirá que o alumnado complete as ensinanzas adquiridas no centro educativo mediante a realización dun conxunto de actividades de produción e/ou de servizos en situacións reais de traballo no contorno produtivo do centro, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional.

O módulo de proxecto que se inclúe nestes ciclos formativos permitirá integrar de forma global os aspectos máis salientables das competencias profesionais, persoais e sociais características do título que se abordaron no resto dos módulos profesionais, con aspectos relativos ao exercicio profesional e á xestión empresarial.

Características dos novos currículos

As persoas co título de técnico superior en enerxías renovables poderán exercer a súa actividade en empresas dedicadas a realizar a promoción, a montaxe, a explotación e o mantemento de instalacións de enerxías eólicas e solares fotovoltaicas para a produción de enerxía eléctrica. Asemade, tamén poderán traballar en postos relacionados coa instalación de liñas de alta tensión e coa xeración, o transporte e a distribución de enerxía eléctrica.

Pola súa banda, os técnicos superiores en paisaxismo e medio rural posuirán competencias para deseñar e manter parques e xardíns; a restauración dunha área paisaxística; planificar e supervisar actividades de instalación e mantemento de zonas verdes e campos deportivos; e para a produción de produtos agrícolas.

O currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en xestión forestal e do medio natural acredita para programar, supervisar e realizar diferentes traballos no monte e en viveiros. Os estudantes deste título estarán capacitados para realizar actividades de repoboación e de corrección hidrolóxica forestal; programar as actuacións de mellora do hábitat das especies cinexéticas e acuícolas continentais; actividade nos servizos de extinción de incendios forestais; e planificación da produción de sementes e plantas en viveiro.