A Consellería de Cultura e Educación envía a proposta de conxelación de taxas universitarias aos membros do Consello Galego de Universidades

Os prezos de Galicia serán así dos máis baixos de todo o Estado tal e como se comprometera o goberno da Xunta

As subas propostas para máster e segundas e sucesivas matrículas redúcense ao mínimo ao distribuírse durante tres cursos académicos

Xov, 28/06/2012 - 18:03

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remitiu hoxe aos membros do Consello Galego de Universidades a súa firme proposta de conxelación de taxas universitarias, cuestión que será tratada no pleno deste órgano que se celebrará o vindeiro luns 2 de xullo. Os vicerreitores de asuntos económicos das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) foron informados destas medidas na reunión mantida o pasado luns, na que se acadou o máximo consenso.

Así, a Administración galega segue a cumprir o seu compromiso coa sociedade galega, minimizando a repercusión das medidas que como a modificación dos prezos dos estudos universitarios, incide de xeito directo nas posibilidades de formación do futuros profesionais da nosa comunidade así como na economía das súas familias.

As cifras

Deste xeito, as primeiras matrículas de grao permanecerán conxeladas nas contías do curso 2011-2012, é dicir, 9,85 euros para o crédito non experimental e 13,93 euros no caso de crédito experimental. Estas cifras manterán os prezos da nosa comunidade como uns dos máis baixos do Estado, tal e como se comprometera o goberno da Xunta, podendo chegar a ser os máis baixos se finalmente Canarias opta por subir as taxas.

Respecto do resto de estudos (máster e segundas e sucesivas matrículas), tal e como xa se anunciara, haberá unha suba gradual en cursos sucesivos, aplicando sempre o límite inferior das forquitas establecidas no Real decreto-lei 14/2012, do 20 de abril.

Así, para as segundas matrículas de grao a diferenza será do 20% respecto do pasado curso, do 66% no caso de terceiras matrículas e do 90% na cuarta e seguintes. En todo caso estes incrementos, resultantes da aplicación da normativa estatal, son o resultado de diferir a aplicación das porcentaxes indicadas na norma do Estado en tres cursos académicos, buscando minorar o impacto que tal medida poda supoñer nas economías familiares.

No relativo aos máster con competencias profesionais, manteranse os prezos de matrícula do pasado curso, é dicir, oscilarán entre os 1.215 euros e os 1.788,6 euros, segundo sexan non experimentais ou experimentais. O resto de máster incrementarán o seu prezo unha media do 6% respecto do curso 2011-12, para situarse en 1.296,6€ y 1.881, 6€, respectivamente.

Cómpre destacar que se manteñen as bonificacións e exencións por matrícula de honra, familias numerosas, discapacidade, vítimas de actos terroristas e violencia de xénero. Ademais lémbrase que a Consellería manterá para o próximo curso as liñas de axudas e bolsas das que se poderán beneficiar aqueles estudantes que cumpran cos requisitos das correspondentes convocatorias, contribuíndo deste xeito á igualdade de oportunidades dos mozos e mozas galegos para acceder á formación universitaria.

Todas as propostas, que hoxe foron transmitidas de xeito oficial aos membros do CGU  e que foron o resultado da defensa dos intereses da nosa comunidade ante a administración estatal, demostran, unha vez máis, o compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de apostar pola educación para todos e de calidade, a pesar da difícil situación económica que estamos a vivir, para o cal ven traballando día a día.