Durante dous anos a Consellería de Cultura e Educación aboará aos docentes substitutos as remuneracións correspondentes aos meses traballados e ás vacacións proporcionais

O departamento educativo da Xunta de Galicia informou hoxe aos sindicatos do ensino de que a medida afectará aos meses de xullo e agosto

Mér, 27/06/2012 - 19:33

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informou hoxe aos sindicatos do ensino non universitario de que a partires da vindeira semana os docentes substitutos percibirán as retribucións correspondentes aos meses traballados, así como as contías que se lles veñen aboando en concepto das vacacións non gozadas cada vez que rematan un período de substitución. En todo caso, a medida non afectará aos interinos, que continuarán a cobrar os meses de xullo e agosto, por teren nomeamento durante todo o curso.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez, reuniuse hoxe con Comisións Obreiras (CC. OO), Asociación Nacional de Profesionales de la Enseñanza (ANPE) e Central Sindical Independiente e de Funcionarios (CSI-CSIF) para comunicarlles a suspensión temporal -por dous anos- do apartado duodécimo da addenda asinada polas devanditas organizacións, polo que se establecía que o profesorado substituto que prestase servizos efectivos nun curso académico durante polo menos cinco meses e medio, tería dereito a que se lle efectuase un contrato de substitución polo mes de xullo e polos días de agosto que procedesen, unha vez deducidos os aboados por vacacións non gozadas. Ademais, enviouse unha comunicación, a este respecto, ao resto das organizacións sindicais, malia non ter asinado a devandita addenda ao acordo sobre acceso a Función Pública Docente en calidade de profesorado interino ou substituto do ano 1995 - addenda asinada o 11 de xullo de 2006-.

Criterio igual para os traballadores galegos

Na reunión mantida cos sindicatos, o director xeral recordoulles que a actual situación económica, así como os elevados niveis de desemprego, non xustifican que ao profesorado substituto se lle efectuase un contrato polos meses de xullo e agosto sen ningunha contraprestación pola súa parte, xa que se estamos a falar de períodos non lectivos. Trátase, deste xeito, de aplicar a estes docentes os mesmos criterios que se aplican a calquera outro traballador galego.

Esta medida contribuirá a garantir a prestación de servizos como o de comedor, transporte escolar e axudas para os libros de texto. Cómpre sinalar, ademais, que esta disposición xa foi tomada no seu día pola maioría das Comunidades Autónomas.

Polo demais, a medida, que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG), axústase ao establecido no artigo 38.10 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, que contempla a posibilidade de suspender ou modificar o cumprimento de pactos e acordos xa asinados, na medida estritamente necesaria para salvagardar o interese público, como é o caso da actual situación económica.

Menús News node R