Cultura e Educación contribúe á difusión do teatro galego coa publicación da obra “Madeira de gañador”

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, asistiu na Estrada á presentación da obra gañadora do I Premio Mome de Teatro Varela Buxán, “Madeira de gañador”, da autoría de Teresa González Costa

Ven, 15/06/2012 - 20:30

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu este venres á presentación de Madeira de gañador, a obra gañadora do I Premio de Teatro Varela Buxán, convocado polo Museo do Moble e da Madeira da Estrada (Mome), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ao acto, que tivo lugar no Mome, tamén asistiron o alcalde da Estrada, José López Campos; o xerente do museo, Xosé Luna; o profesor Carlos Loureiro; e a autora da obra, Teresa González Costas.

Valentín García, que foi membro do xurado do I Premio de Teatro Varela Buxán, xunto con Xosé Luna e Carlos Loureiro, destacou a importancia desta iniciativa teatral na que a madeira e a súa transformación adquiren a categoría de protagonistas, “poñendo en evidencia unha vez máis a boa simbiose que se pode alcanzar entre empresa e cultura, co obxectivo de promover a formación e a ampliación de usos para a nosa lingua implicando aos sectores produtivos da nosa sociedade a través de entidades como o Mome”. Pola súa banda, Teresa González amosouse satisfeita por ver publicada a súa obra xa que deste xeito pode chegar máis facilmente ao público. “A peza é moi doada. É un só acto e o aparato escénico non é complicado”, asegurou, polo que agarda a que moitos grupos teatrais se animen a representala.

O acto de presentación de Madeira de gañador contou coa representación dun fragmento d’Os contiños da terra, de Manuel García Barros, que correu a cargo do alumnado da Escola Municipal de Teatro da Estrada.

Publicación da obra gañadora do I Premio de Teatro Varela Buxán

Madeira de gañadorresultou elixida de entre once obras que tiñan como eixe temático o mundo da árbore, da madeira ou do moble. O xurado do concurso destacou como atributos da obra premiada “a calidade literaria, o xogo escénico e a cohesión da obra dramática nunha única peza que amosa unha voz dramática anovadora”. A obra, que fala da transformación do protagonista e a identificación do individuo coa madeira,  foi premiada con 1.000 €, unha figura en madeira de Manuel Fragoso e a publicación do texto.

O Premio de Teatro Varela Buxán ten como obxectivos principais preservar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural, así como contribuír á difusión do teatro galego e colaborar na divulgación da vida e da obra do dramaturgo estradense Manuel Daniel Varela Buxán.

A autora de Madeira de gañador, a polifacética Teresa González Costa, natural do Grove, está considerada unha das voces máis anovadoras do teatro galego contemporáneo. Amais de contar con numerosas publicacións teatrais, foi mención especial do xurado no II Premio Internacional de Barriga Verde (2004) de textos para teatro de títeres por Canun Digas Narice e finalista do Premio de Teatro Rafael Dieste (2005) coa obra Alén das brumas. Amais, no ano 2008 acadou dous dos galardóns máis prestixiosos da dramaturxia galega: o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María polas súas obras Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras.

II Premio MOME de Teatro Varela Buxán

O pasado venres 8 de xuño o xurado do II Premio Mome de Teatro Varela Buxán, formado polo mestre e escritor Olimpio Arca, a profesora Rocío Calviño, o escritor e investigador Héitor Picallo Fuentes, e o xerente do Mome, Xosé Luna, elixiu como gañadora desta edición a obra A cerna, do chantadino Xosé Lois García. O  xurado destacou d’A cerna “o amplo e preciso emprego do léxico e de estruturas sintácticas singulares”. Xosé Lois García recibirá o premio nun acto que terá lugar o vindeiro 24 de xuño na Estrada.

Menús News node R