O secretario xeral de Universidades asiste ao acto de graduación da XIV promoción de Dereito da Universidade de Vigo

Ven, 15/06/2012 - 18:33

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do seu secretario xeral de Universidades, en nome de Xesús Vázquez Abad, estivo presente no acto de graduación da XIV promoción de Dereito da Universidade de Vigo. Acto que se desenvolveu hoxe pola tarde na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e no que estivo presente a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosh.

Durante a súa intervención o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro recordou o nacemento de Dereito coa rama Económico- Empresarial en Vigo no 2007 e dirixíndose ao alumnado que xa ten rematados os seus estudos e que hoxe recollen a titulación de el dixo que “estará axiña inmerso nunha realidade social, laboral e económica moi diferente da que existía cando ingresaron na Universidade, cando escolleron poñer o seu destacado historial académico ao servizo dunha licenciatura que naceu por e para Vigo”.

Así centrándose nas novas licenciadas e licenciados “teñen a responsabilidade social que adquire quen acada un grado académico superior. A responsabilidade ética de devolver á sociedade o que esta investiu en vostedes. Pero a súa responsabilidade aínda é maior, porque teñen que facer honor aos seus ensinantes, que verteron os seus coñecementos sobre vostedes, durante estes magníficos anos de estudo. Teñen a tarefa –nada sinxela, en verdade- de empezar a transformar o xeito de pensar, definir, exercer, comprender e valorar o dereito na nosa sociedade. Do mesmo xeito destacou que “catorce promocións despois, as elevadas expectativas de prestixio creadas no seu inicio cumpríronse, ata consolidar a titulación como referente no Sistema Universitario de Galicia”.

Adaptación a Bolonia

Durante a súa intervención o secretario xeral de universidades sinalou ademais a importancia do proceso de adaptación ao Espazo Europeo  de Educación Superior no que está inmerso o Sistema Universitario de Galicia.

Neste sentido recordou que a hoxe graduada é a penúltima promoción desta licenciatura. De feito, a que finalice os seus estudos o vindeiro ano será a última xeración destes licenciados, que sairán da facultade ao mesmo tempo que a primeira promoción do novo grao en Dereito. Así, dixo, “Queda só un curso para que saian destas aulas os derradeiros licenciados en Dereito na rama económico-empresarial, ao mesmo tempo que as primeiras alumnas e alumnos do grado de Dereito, co que se completará o tránsito de adaptación a Bolonia coa plena integración no Espazo Europeo de Educación”.