O Consello da Xunta aproba o proxecto da Lei de universidades

O documento completa o desenvolvemento normativo do sistema universitario da actual Xunta, tras aprobar no seu día o Plan de Financiamento e o Decreto de titulacións

Tivéronse en conta as suxestións presentadas polas universidades, consellos sociais, axencias de calidade e sindicatos, de xeito que o texto é froito dun amplo consenso

Xov, 14/06/2012 - 17:21

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto da Lei de universidades presentado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que contou cun amplo consenso de todos os actores implicados, desde as propias universidades ata consellos sociais, axencias de calidade, sindicatos etc. Ademais, o Goberno cumpre o compromiso de dotar as universidades dun marco legal integrador, recollido no programa electoral co cal concorreu ás eleccións.

O novo texto persegue a racionalización da oferta docente de titulacións, fomenta a cooperación e a mobilidade interuniversitaria, mellora as estruturas administrativas, reforza a función investigadora, contribúe a unha maior internacionalización das universidades e promociona a igualdade de acceso ao sistema universitario. O proxecto normativo pecha o desenvolvemento normativo que se iniciara co Plan de Financiamento das Universidades e que se enriquecera co Decreto de titulacións, ambos en plena vixencia.

No relativo á lei cómpre lembrar que substitúe, tras máis de 20 anos en vigor, a anterior Lei 11/1989, e que polo tanto a aprobada hoxe adapta o Sistema universitario galego (SUG) ao actual mapa en que está implantado o Espazo Europeo de Educación Superior.

A futura lei recolle no primeiro punto a organización e actividade das universidades respondendo aos principios de eficacia, eficiencia no gasto, xerarquía, desconcentración, descentralización, coordinación e colaboración. Así, cada campus contará coa dotación de persoal en función das súas necesidades. E para os efectos do ingreso nas universidades, todas as públicas de Galicia seconstituirán nun único distrito único para os estudos de grao e de máster.

Entre os puntos máis significativos da lei está a creación e o recoñecemento de novas universidades e centros no SUG. Así, prevese que as universidades, tanto públicas como privadas, deberán contar con campus integrados coas estruturas precisas para a organización e o desenvolvemento de ensinanzas conducentes, como mínimo, á obtención de oito títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional. Destes oito é preciso que polo menos catro sexan graos universitarios, e dous sexan programas de doutoramento en dúas ramas do coñecemento.

Ensinanzas non presenciais

As ensinanzas universitarias non presenciais regúlanse por primeira vez. A Xunta promoverá a súa impartición por parte das universidades do SUG co obxectivo de favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e a igualdade de acceso aos estudos superiores universitarios.

Mobilidade no SUG

Outro dos puntos reflectidos neste proxecto é a promoción de medidas para obter unha política homoxénea sobre equipos, negociación colectiva e prestacións asistenciais para o persoal docente e investigador das universidades. Estas e a Xuntafacilitarán e fomentarán a mobilidade do persoal docente e investigador a través de concursos de traslados.

Ademais, as universidades establecerán canles de colaboración e coordinación que permitan un óptimo aproveitamento dos recursoshumanos do SUG. Con esta finalidade, formalizarán convenios de colaboración para que o seu persoal poida desprazarse temporalmente ou con dedicación parcial a centros fóra da súa universidade.

Desenvolvemento normativo

Coa nova lei darase un paso máis desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de cara ao desenvolvemento normativo no eido universitario. Cómpre destacar que o texto foi consensuado con todos os axentes implicados directamente no eido do ensino universitario de Galicia. Para elaborar este texto obtívose o máximo dos consensos posibles, admitíndose máis do 64% das suxestións presentadas, e coa implicación de todos os axentes da comunidade universitaria; consellos sociais, sindicatos, axencia galega do sistema universitario e órganos de goberno das universidades.

Pasos do Goberno galego

A innovadora normativa universitaria, que será debatida no Parlamento, engádese ao Plan de Financiamento universitario asinado a finais do 2010 no que xa resaltaran a importancia do financiamento crecente por resultados valorado a través de máis de 30 indicadores, e á sustentabilidade financeira.

Do mesmo xeito, no 2011 deuse un paso máis co Decreto de titulacións, racionalizando a oferta a partir dunha exixencia de niveis mínimos de demanda ao mesmo tempo que se desenvolveron novas titulacións adaptadas á contorna.

Con esta lei, que refunde toda a lexislación universitaria actualmente dispersa - derróganse catro leis-, péchase o ciclo lexislativo. Ademais, actualiza todas as actividades universitarias cunha visión moderna, establecendo as liñas xerais de actuación para unha universidade competitiva baseada nos principios de eficiencia, eficacia, descentralización, colaboración, mobilidade e coordinación.