A Consellería de Cultura e Educación incrementará o vindeiro curso nun 11,7% as prazas nos ciclos de Formación Profesional en centros públicos

Para o 2012/2013 haberá un 7,9% máis de ciclos autorizados

Mér, 13/06/2012 - 17:13

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de incrementar nun 11,7% as prazas en ciclos de formación profesional impartidos en centros públicos, no marco da estratexia de impulso e posta en valor da FP que vén desenvolvendo desde o comezo da lexislatura. Así, a oferta para o curso 2012/2013 en ciclos no réxime ordinario e a destinada ás persoas adultas no réxime modular recolle un incremento do 7,9% no número de ciclos autorizados nestes centros. Así, das 25.705 prazas que o departamento educativo da Xunta de Galicia porá a disposición da cidadanía, 2.452 serán de nova creación. Ademais, 68 dos 953 ciclos ofertados serán tamén novos nos centros nos que se impartan.

Deste xeito o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad cumpre co seu compromiso de ofrecer ás galegas e galegos unha oferta de FP ampla e variada, dando resposta ás demandas da cidadanía, na procura dunha cualificación e recualificación dos profesionais dos sectores produtivos máis necesaria aínda nestes momentos de crise económica.

A rede de Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), fortalecida no presente curso pola Consellería, permite  a maior parte deste incremento. De feito, absorbe 1.568 novas prazas, que corresponden á implantación de 23 novos ciclos formativos que melloran as posibilidades de formación destes centros. Así, os 17 CIFP dispoñen do 34% das prazas para iniciar os estudos de FP en Galicia, co que queda de manifesto o acertado da aposta da Xunta de Galicia polo fortalecemento desta rede.

Cómpre sinalar, ademais, que a oferta destes centros está deseñada para que inclúan os módulos necesarios que permitan completar a súa formación – e obter, de ser o caso, un título de FP- ás persoas que se presentaron ao proceso de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia profesional.

Novos ciclos

A Consellería implantará o vindeiro curso 29 títulos formativos cos currículos renovados e adaptados á Lei das Cualificacións Profesionais e á Lei Orgánica de Educación (LOE). Catro deles son totalmente de nova creación –é dicir, non substitúen a ningún currículo antigo-, nomeadamente os de técnico superior en enerxías renovables; técnico superior en animacións 3D, xogos e contornos interactivos; técnico superior en estilismo e dirección de peiteado; e técnico superior en educación e control ambiental. Ademais, implantarase por primeira vez en Galicia, grazas á colaboración empresarial, o ciclo de grao superior de Conformación por moldeamento de metais e polímeros.

Dos restantes 24 currículos novos, formarán parte da oferta do 2012/2013, entre outros, os ciclos formativos de grao superior de automatización e robótica industrial, de mecatrónica industrial, de xestión forestal e do medios natural; e o ciclo de grao medio de atención a persoas en situación de dependencia.

A nova oferta reforza a aposta da Consellería polas ensinanzas de FP como un sistema de oportunidades e unha porta de acceso ao mundo laboral neste momento de crise económica, ao formar profesionais cualificados para dar resposta ás necesidades dos sectores produtivos de Galicia. Así mesmo, a implantación destes ciclos formativos faise conxugando os obxectivos de calidade e eficiencia do sistema educativo.