Cultura e Educación achega a Sarria unha mostra interactiva sobre a obra e a vida de Valentín Paz-Andrade

A mostra itinerante sobre o autor homenaxeado en 2012 no Día das Letras Galegas poderá visitarse desde maña ata o 15 se xuño no IES Gregorio Fernández

Os estudantes do centro completarán o seu coñecemento sobre a vida e obra do escritor a través de cinco paneis con textos explicativos, fotografías e audiovisuais

Dom, 10/06/2012 - 11:17
Cultura e Educación achega a Sarria unha mostra interactiva sobre a obra e a vid
Cultura e Educación achega a Sarria unha mostra interactiva sobre a obra e a vida de Valentín Paz-Andrade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achégalles a vida e obra de Valentín Paz- Andrade aos galegos a través da mostra itinerante que desde mañá e ata o día 15 de xuño poderá ser visitada no IES Gregorio Fernández. Esta exposición,que forma parte das actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Día das Letras Galegas, ten como obxectivo favorecer o coñecemento da vida e da obra do escritor por parte dos alumnos e as alumnas de secundaria.

A mostra

Para isto, a exposición conta con cinco paneis con textos explicativos sobre as diversas facetas de Valentín Paz-Andrade. Ademais, cada un deles inclúe audiovisuais nos que diferentes coñecedores da traxectoria do escritor amosan a súa visión sobre Paz-Andrade, entre os que se encontran o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo e o filólogo Gregorio Ferreiro.

Esta exposición itinerante sobre Valentín Paz-Andrade forma parte das actividades que a Xunta de Galicia está a programar para celebrar o Día das Letras Galegas 2012. Con este obxectivo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou o pasado mes de febreiro, xunto con Industriais Pesqueras, a páxina web oficial do autor (www.valentinpazandrade.com), un punto de referencia para contar con datos contrastados, cunha bibliografía completa e mesmo con elementos complementarios de alto interese para achegarse ao escritor, como fotografías e textos inéditos dixitalizados.

A mostra itinerante pechará o seu percorrido polos centros educativos galegos en Navia de Suarna, onde poderá ser vista desde o día 15 ata o 22 de xuño, coincidindo co fin do ano escolar.

Por outra banda, a Consellería recorda que a partir de mañá tamén se poderá visitar na Biblioteca nodal de Vigo un punto de información multimedia sobre o escritor Celso Emilio Ferreiro, que está a percorrer diversos concellos de toda Galicia.