A Consellería de Cultura e Educación reúne a 400 membros da comunidade educativa na V Xornada dos Clubs de Lectura

O director xeral de Centros e Recursos humanos inaugurou este encontro, que se celebra hoxe en Santiago de Compostela

Na xornada reúnense docentes, alumnos e outros adultos da comunidade educativa (pais, nais, persoal non docente integrantes de clubs de lectura), así como expertos en materia de lectura

Sáb, 09/06/2012 - 11:46
A Consellería de Cultura e Educación reúne a 400 membros da comunidade educativa
A Consellería de Cultura e Educación reúne a 400 membros da comunidade educativa na V Xornada dos Clubs de Lectura

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe en Santiago de Compostela a arredor de 400 membros da comunidade educativa -docentes, alumnos, familias...- na V Xornada dos Clubs de Lectura, outra das iniciativas que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad está a impulsar no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal Rodríguez, inaugurou este encontro, do que salientou que é a primeira vez que se abre á asistencia do alumnado e dos grupos de adultos que participan nos clubs, tras catro edicións dirixidos ao profesorado que coordina esta experiencia de lectura socializada nos centros educativos. Así, dixo que “falo, con orgullo, de centros nas que alumnado e profesorado, fóra do horario lectivo, de forma voluntaria e demostrando o seu compromiso persoal e profesional, traballan xuntos para mellorar a competencia lectora e cidadá dos máis novos, e de pais e nais que queren ter máis en común coas súas fillas e fillos, interesarse polas súas inquedanzas e compartir o seu interese pola lectura”.

Clubes pioneiros

O director xeral sinalou que “como ben sabedes, os Clubs de Lectura son unha iniciativa pioneira dentro dos centros de ensino. En Galicia o fenómeno está a ter tanto éxito que chama a atención de expertos en materia de lectura do resto de España, a onde se están estendendo, cos nosos Clubs como guía”. Así pois fixo públicos, unha vez máis, os parabéns da Consellería aos implicados neste departamento e sinalou que “compartir a experiencia lectora sería xa un motivo máis que sobrado para continuar. Ademais, os Clubs de Lectura axudan á adquisición de competencias lingüísticas e de outras, tanto ou máis útiles para a formación de cidadáns, como o respecto pola opinión dos demais, ou o traballo en equipo”.

Para rematar José Manuel Pinal engadiu que “confío en que esta xornada vos sexa de utilidade para coñecer as actividades que están levando a cabo noutros Clubs de Lectura, para compartir e poñer en común as vosas experiencias”.

Foro de encontro e debate

A Xornada dos Clubs de Lectura é organizada pola Consellería como un foro aberto para o encontro e o debate entre todos aqueles que participan dos clubs de lectura nas bibliotecas escolares dos centros educativos nos que se imparten ensinanzas de secundaria, bacharelato, formación profesional, educación de persoas ou de réxime especial. Neste sentido cómpre lembrar que o departamento educativo da Xunta de Galicia convoca anualmente axudas para incentivar o funcionamento de Clubs de Lectura, unha convocatoria que neste curso foi de 200.000 euros.

No presente curso 2011/2012 hai 215 centros de ensino que contan cun club de lectura, que pode estar constituído por un ou por varios grupos de lectores. Preto dun 25% destes clubs contan tamén cun grupo de lectura de adultos, no que participan pais, nais, exalumnos, profesorado e mesmo persoal non docente.

Intercambio de experiencias

A xornada constitúe unha oportunidade para a formación e o intercambio de experiencias entre persoas chegadas de distintos puntos da xeografía galega arredor das iniciativas de fomento e goce da lectura que están a desenvolver nos seus respectivos clubs.

Para iso organizáronse obradoiros para mozas e mozos lectores, conferencias, unha mesa sobre a experiencia lectora a través do club e reunións destinadas aos distintos perfís de asistentes para debater sobre estes grupos como fórmula para a construción de lectores. Así, o encontro comeza co relatorio de Eliacer Cansino, escritor e profesor de Filosofía do IES Mateo Alemán (Sevilla), Escribir para a xente nova. O autor foi ademais Premio Lazarillo en 1997 e premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2010. Ao mesmo tempo desenvolveranse cinco obradoiros destinados aos máis novos, A autoestopista fantasma e outras estradas perigosas, por Charo Pita; Poesía por un tubo: versos para todos os públicos, por Carlos Negro; Hip Hop: a xuntanza das artes, polo rapeiro García Mc; un obradoiro didáctico de improvisación en verso, a cargo de Pinto de Herbón e Luis ‘O Caruncho’; e outro de banda deseñada, impartido por Jacobo Fernández Serano.

A xornada continúa coa mesa redonda A experiencia lectora a través dun club, no que participan docentes, alumnado e familias; e coa conferencia ¿Qué estás lendo? Rede de blogs de lectores de 12 a 15, unha iniciativa da Organización de Estados Iberoamericanos presentada por Inés Miret, consultora especializada en proxectos dixitais relacionados coa lectura, o libro e as bibliotecas.

Pola tarde será a quenda das reunións por perfís, diferenciadas para os coordinadores dos clubs, o alumnado e as nais e pais participantes nestes grupos de lectura. Nestas reunións debaterase sobre os clubs de lectura como “fórmula para construírmonos como lectores”. O encontro pecharase cunha conferencia de Víctor F. Freixanes, escritor, xornalista e membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega.

Menús News node R