O conselleiro de Cultura e Educación asiste á inauguración da Casa Taller Pousa, en Taboadela, coas obras de Xosé Cid

O espazo mostrará as obras do escultor galego e o traballo artístico do seu fillo Rosendo Cid

Ven, 08/06/2012 - 20:30

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe a inauguración da Casa- Taller Pousa, en Taboadela, que contén a obra artística da familia Cid, dona de dito espazo.

A Casa- Taller Pousa foi aberto como espazo expositivo da obra do escultor Xosé Cid, creacións que convivirán coa creación e documentación pictórica e fotográfica asinada polo seu fillo, Rosendo. Un percorrido pola produción artística de pai e fillo que se organiza en dúas salas interconectadas. Ademais os moldes empregados para as obras de Xosé Cid tamén se poderán ver tanto nun alpendre como no corredor.

Cómpre recordar que Xosé Cid é coñecido como o escultor da curva suave, do trato delicado tanto na figura como nos materiais que emprega, esta recoñecido como un artista autodidacta referente de Galicia.

Pola súa banda Rosendo Cid esta a desenvolver a súa carreira coa creación de esculturas, textos, colaxes, así como escritos de relatos, poesía e teatro.