O secretario xeral de Cultura subliña “a importancia estratéxica dos arquivos para a conservación do noso patrimonio cultural”

Anxo Lorenzo inaugurou esta tarde a exposición ‘Urbanismo en Lugo, 1917-1970’, unha das iniciativas coas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o Día Internacional dos Arquivos

A mostra poderá visitarse no Arquivo Histórico Provincial de Lugo desde hoxe ata finais do mes de novembro

Ven, 08/06/2012 - 19:45
A mostra poderá visitarse no Arquivo Histórico Provincial de Lugo desde hoxe ata
A mostra poderá visitarse no Arquivo Histórico Provincial de Lugo desde hoxe ata finais do mes de novembro

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, subliñou esta tarde “a importancia estratéxica que os arquivos, e os profesionais que os atenden, posúen para conseguir unhas administracións públicas máis eficaces, eficientes e transparentes, así como para a conservación do patrimonio cultural”. Así o asegurou no acto de inauguración da exposición Urbanismo en Lugo, 1917-1970. Documentos de urbanismo no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, unha das iniciativas coas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se suma á celebración do Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora o 9 de xuño en todo o mundo.

O secretario xeral referiuse aos arquivos como “memoria viva para a sociedade”. “Resultan –engadiu– imprescindibles para o funcionamento diario das organizacións públicas e privadas e, ademais, constitúen unha fonte informativa de interese para o conxunto da cidadanía”. Así mesmo, Anxo Lorenzo afirmou que “o patrimonio documental, un patrimonio pouco visible, conservado e difundido a través dun arquivo público, nos axuda a comprender, reflexionar e a darlle forma á nosa identidade de mulleres e de homes, conscientes e sensibles cun legado que constitúe o mellor xermolo do futuro”.

Na presentación da mostra, que tivo lugar no Arquivo Histórico Provincial de Lugo –onde poderá visitarse ata finais do mes de novembro–, tamén participaron o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; a directora do arquivo e comisaria da mostra, Dolores Pereira; Antonio Prado e Julio Reboredo, dous dos autores do catálogo da exposición; así como diversas autoridades locais e provinciais.

Evolución do urbanismo de Lugo

A exposición Urbanismo en Lugo, 1917-1970 pecha un ciclo expositivo sobre a evolución da cidade, posto en marcha polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo coa mostra Casas e rúas de Lugo, 1850 – 1920. A Conformación da cidade actual. Esta nova iniciativa percorre o proceso urbanístico de Lugo desde 1917 ata que, en 1969, se aproba o primeiro plan de ordenación urbana.

A exposición apóiase nos documentos custodiados polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo e nace coa vontade de contribuír ao mellor coñecemento da cidade. Sobre a mostra, Anxo Lorenzo destacou que, en boa medida, esta reflicte a interconexión do arquivo co seu medio social, xa que amosa a evolución do espazo físico no que os cidadáns e as cidadás de Lugo desenvolven a súa actividade, utilizando documentos textuais, cartográficos e fotográficos.

A mostra estrutúrase en catro seccións: as rúas, as dotacións, as vivendas e a actividade económica. A primeira fai referencia á urbanización, á reforma e ao crecemento urbano, planificado ou non. A segunda abrangue os servizos que vai adquirindo a cidade. Na terceira abórdase o crecemento e a ocupación do solo con novas construcións. Por último, a cuarta sección amosa a puxanza económica dunha cidade en expansión a través das actividades produtivas.

Menús News node R

Tema