A Consellería de Cultura e Educación e Grumico colaborarán para facilitar o traslado gratuíto a centros escolares de 15 alumnos con graves discapacidades da provincia da Coruña

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura do convenio con esta asociación, coa cal se vén colaborando desde 2010

Xov, 07/06/2012 - 16:49

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña (Grumico) asinarán un acordo de colaboración para que o alumnado con discapacidade poida desprazarse aos seus respectivos centros educativos. A reunión semanal do Goberno galego deu hoxe o visto e prace a este acordo, do cal se beneficiarán no curso 2012/2013 académico 15 escolares.

Trátase de escolares con distintos tipos de discapacidades que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares. Así, o convenio cobre os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios do alumnado aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador cando este coincida co horario escolar. Ademais, o servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e dos alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan.

Ao abeiro do convenio, Grumico comprométese a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Ademais, nos vehículos poderán viaxar os coidadores daquelas persoas que precisen atención individualizada, continua e permanente. Pola súa banda, a Consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

A Asociación Grumico é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fin estatutario a defensa dos intereses das persoas discapacitadas, co fin de acadar a máxima atención social aos problemas que presentan, así como a súa propia recuperación, rehabilitación e integración na sociedade, para o cal colabora con organismos e entidades que teñen relación coa problemática dos discapacitados.

Coa sinatura deste convenio, a Consellería de Cultura e Educación facilita o acceso á escolarización ao alumnado galego, de acordo co compromiso reflectido no Decreto para a atención á diversidade, publicado polo actual departamento educativo da Xunta de Galicia.