A Consellería de Cultura e Educación colaborará con ACEESCA para facilitar o transporte escolar gratuíto de 29 alumnos con discapacidades na provincia de Pontevedra

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura do convenio con esta asociación, coa cal se vén colaborando desde 2010

Xov, 07/06/2012 - 16:46

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colaborará coa Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor (ACEESCA), para que o alumnado con discapacidades poida desprazarse aos seus respectivos centros educativos de forma totalmente gratuíta.

Ao abeiro destes convenio, financiarase o importe do desprazamento de ida e volta de 29 alumnas e alumnos da provincia de Pontevedra desde os domicilios dos estudantes aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador cando este coincida co horario escolar. O servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan, e nel prestaranse os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Ademais, nos vehículos poderán viaxar os coidadores daquelas persoas que precisen atención individualizada, continua e permanente. Pola súa banda, a consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

O obxectivo deste convenio é dar resposta ás necesidades de escolares con distintos tipos de discapacidades que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades educativas especiais.

Coa sinatura deste convenio a Consellería reafirma o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, para fomentar o seu acceso á escolarización en igualdade de condicións.