Cultura e Educación participa na entrega de premios do VIII Certame “Falemos da nosa historia”

Nesta edición o lema foi ‘En tempos de María Castaña’

A iniciativa, promovida polo Equipo de dinamización da lingua galega do CEIP López Ferreiro, está aberta á participación do alumnado de terceiro ciclo de primaria e primeiro de secundaria de todos os centros de ensino de Galicia

Xov, 07/06/2012 - 13:49
Imaxe da entrega dos premios
Imaxe da entrega dos premios

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe no acto de entrega de premios do certame de redacción e investigación histórica Falemos da nosa historia, organizado polo Equipo de dinamización da lingua galega do CEIP López Ferreiro, en colaboración coa Universidade de Santiago, que nesta ocasión chega á súa oitava edición co lema En tempos de María Castaña.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi o encargado de facer entrega do segundo premio, outorgado polo xurado ao grupo de alumnado “Castrove”, que cursa 2º da ESO no IES do Porriño (Pontevedra). O 1º premio recaeu na alumna de 6º de primaria do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela), Iria Gómez Paz, mentres que o 3º foi para Cristina Deus García, alumna de 2º da ESO do CPI Viaño Pequeno, da localidade coruñesa de Trazo.

No acto, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, tamén participaron o decano desta facultade, Lois Ferradás, e mais a concelleira de Educación e Normalización Lingüística do Concello compostelán, Rebeca Domínguez, así como os membros do xurado, os profesores Bieito Ledo, Javier Cortizo e José Armas.

Durante a súa intervención, Valentín García fixo fincapé no “importante labor transversal levado a cabo desde os Equipos de dinamización da lingua galega” e animou ao alumnado e ao profesorado a “seguir impulsando este tipo de iniciativas que contribúen coñecer e a poñer en valor a historia dos galegos como comunidade humana a través da lingua”. O secretario xeral tamén puxo de relevo a importancia de “incentivar desde a escola a transmisión interxeneracional de todo o coñecemento histórico pero sobre todo do lingüístico, como vía para achegarlles aos rapaces as expresións, frases feitas, historias etc. que conforman o tesouro da tradición oral e do imaxinario colectivo dos galegos e das galegas”.

‘En tempos de María Castaña’

“En tempos de María Castaña” foi o lema elixido para esta oitava edición na que o obxectivo foi que os rapaces e as rapazas descubrisen a historia de Galicia a través de ditos, refráns, modismos, lendas etc., de xeito que o alumnado participante fixese un labor de investigación histórica mediante a consulta bibliográfica e virtual, pero tamén a través de testemuños de persoas maiores.

O traballo gañador do primeiro premio hase publicar na revista escolar “Pegada”, do CEIP Antonio López Ferreiro e tamén en algún medio de comunicación escrito.