As probas do IES de Monforte repetíronse logo de detectarse nelas as 26 mellores notas de matemáticas e as 50 mellores medias de Galicia

Os 8 presentados en Economía da Empresa obtiveron as 8 mellores cualificacións da Comunidade Autónoma

Dos 15 que concorreron en Filosofía, 12 conseguiron ser os primeiros do país

Ven, 01/06/2012 - 19:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decidiu repetir o exame de acceso aos ciclos formativos de grao superior no IES Francisco Daviña Rey de Monforte, porque os resultados estatísticos das cualificacións obtidas polos seus participantes eran tan anómalos que as 26 mellores notas de matemáticas de toda Galicia, e as únicas que superaron un 9, procedían todas dese centro.

As mesmas estatísticas demostran que das 50 mellores medias de Galicia da parte común, 31 corresponden a esta sede. En Economía da Empresa, os 8 presentados no IES Francisco Daviña Rey obtiveron as 8 mellores notas de Galicia; e en Filosofía, de 15 presentados, 12 acadaron as 12 mellores notas de Galicia.

Pola contra, non houbo ningunha desviación significativa sobre os resultados esperados nos examinados no IES A Pinguela de Monforte de Lemos, nin en ningunha outra sede da Comunidade Autónoma.

Realizadas as pertinentes indagacións, entrevistas e informes, o tribunal concluíu a necesidade de repetir a proba, xa que outorgar as cualificacións obtidas de xeito irregular suporía un prexuízo aos demais alumnos, dado que a nota é o único criterio de preferencia no acceso aos ciclos formativos, polo cupo de probas.

Cómpre lembrar que as probas que onte se repetiron en Monforte se desenvolveron o pasado día 30 de marzo en 38 sedes. Estaban inscritas en Galicia 9.796 persoas, e asistiron 7.778. Na localidade de Monforte  había dúas sedes, no IES Francisco Daviña Rey e no IES A Pinguela. No Daviña Rey estaban convocados 180 solicitantes e examináronse 155 alumnos da parte específica e 161 da parte común.

As probas elabóranse de xeito centralizado polo tribunal e son as mesmas para toda Galicia. Recóllenas os directores dos centros os días anteriores á data de realización e quedan baixo a súa custodia. Son probas tipo test, que se realizan de xeito simultáneo e logo se corrixen automaticamente mediante lectura óptica.