A Consellería de Cultura e Educación avanza na adaptación do primeiro ciclo de grao superior de artes plásticas e deseño ás esixencias da lei das cualificacións profesionais

O pleno do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas emitiu hoxe informe favorable sobre o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de artes plásticas e deseño en Cerámica Artística

Mar, 29/05/2012 - 19:26

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria avanzou hoxe na publicación do primeiro dos currículos de ciclo de grao superior de artes plásticas e deseño que será adaptado ás esixencias da Lei das Cualificacións Profesionais, da Lei Orgánica de Educación, así como ás necesidades dos sectores socioprodutivos de Galicia. O pleno do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas emitiu hoxe informe favorable en relación ao proxecto de decreto polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de artes plásticas e deseño en Cerámica Artística, o que significa adaptar estes estudos ao ámbito autonómico, atendendo ás demandas de profesionais que presentan as empresas galegas.

Deste xeito avánzase no proceso que culminará coa publicación e implantación do currículo deste ciclo que, integrado xunto con outros na familia profesional artística do mesmo nome, constitúe un programa formativo de calidade, no marco da estratexia de impulso á FP que está a desenvolver o Goberno galego.

Competencias

O currículo do ciclo de artes plásticas e deseño en Cerámica Artística procura garantir ao alumnado unha formación artística que lle permita manexar criterios estéticos para afrontar unha labor eminentemente creativa, e para valorar axeitadamente o patrimonio cultural.

Ademais, proporciónalle ao alumnado os coñecementos científicos e tecnolóxicos e as habilidades que lle permitan non só a súa incorporación á vida laboral activa, senón tamén afrontar con garantías de eficiencia e eficacia a necesaria adaptación as modificacións técnicas e sociolóxicas que imperan en calquera labor creativa.

Os futuros Técnicos Superiores en Cerámica Artística desenvolverán as súas competencias profesionais elaborando obra orixinal de cerámica de calidade técnica e artística a partir dun proxecto persoal ou alleo, ou dun encargo profesional determinado, planificando o traballo mediante a definición dos seus aspectos técnicos, estéticos, funcionais, formais, materiais, económicos e de produción, e levando a cabo as diferentes fases do proceso, garantindo a seguridade das operacións e realizando os controles de calidade correspondentes ao produto rematado.