Cultura e Educación leva ás aulas de Xinzo de Limia a vida e a obra de Valentín Paz-Andrade a través dunha exposición multimedia

O IES Lagoa de Antela acolle ata o venres a mostra, que está a percorrer diversos centros educativos de toda Galicia para lles achegar aos alumnos e alumnas o legado do escritor

Mar, 29/05/2012 - 17:03
Cultura e Educación leva ás aulas de Xinzo de Limia a vida e a obra de Valentín
Cultura e Educación leva ás aulas de Xinzo de Limia a vida e a obra de Valentín Paz-Andrade a través dunha exposición multimedia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a levar a figura de Valentín Paz-Andrade aos centros educativos a través dunha exposición para lles achegar aos escolares a vida e a obra do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012. Desta vez a mostra fai parada no IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, tras o seu paso por Vilagarcía de Arousa, Vila de Cruces, Mazaricos, Sada e Vigo, co gallo da dedicación do día das Letras Galegas a este autor.

Ata o vindeiro venres, os alumnos e alumnas poderán facer un percorrido polos cinco paneis que, a través de textos explicativos e audiovisuais, recollen a vida e a obra do ensaísta, poeta e empresario vigués. Deste xeito, achégase a alumnos e visitantes todas as facetas deste autor, que ten contribuído ao crecemento cultural, social e económico de Galicia desde diferentes ámbitos. Para iso, cada un dos paneis ofrece vídeos sobre Paz-Andrade, así como anacos de entrevistas a persoas próximas ao escritor e que estudaron a súa obra, como Ramón Villares ou Xosé Luís Méndez Ferrín.

Ademais, a exposición ten un obxectivo claramente didáctico, como un complemento para a materia de lingua galega. Así, o departamento educativo da Xunta de Galicia facilita tamén unha unidade didáctica pra o traballo na clase que inclúe actividades e suxestións interesantes para que os alumnos e alumnas afonden no coñecemento do legado de Paz-Andrade.

Itinerancia da mostra

No marco das diferentes iniciativas organizadas pola Xunta de Galicia para a lembranza de Valentín Paz-Andrade, esta mostra retomará a súa itinerancia o vindeiro día 4 de xuño, cando chegará ao IES Xermán Ancochea (A Pobra de Trives). A continuación desprazarase  ata o IES Gregorio Fernández (Sarria), onde permanecerá desde o 11 ata o 15 de xuño. A última parada neste primeiro semestre do ano será no CPI Doutor Daniel Monje, de Navia de Suarna, do 15 ao 22 de xuño.

No segundo semestre do ano, a exposición sobre Valentín Paz-Andrade estará nas bibliotecas nodais de Galicia.

Tecnoloxías para a aprendizaxe e a dinamización da lingua galega

A exposición itinerante sobre a vida e a obra de Paz-Andrade non só trata a figura deste autor en lingua galega, cuxa obra se estuda nas clases da ESO e do bacharelato, senón que o fai empregando distintos medios –audiovisuais e escritos- que facilitan o traballo das diferentes destrezas lingüísticas no ensino e na aprendizaxe do idioma. Tamén contribúe á dinamización da lingua galega, a través da promoción de novos espazos de uso e de presenza do galego nos centros, e mais de materiais atractivos en lingua galega que mostran elementos do noso pasado recente empregando para iso as tecnoloxías máis actuais.