Vázquez Abad preside a entrega da certificación de calidade á Rede de Formación Permanente do Profesorado

O conselleiro destacou o traballo realizado polos membros da rede e pola Administración educativa para fortalecer esta rede e adaptándoa ás necesidades do século XXI

Lun, 28/05/2012 - 13:35

Vídeo (1) coas declaracións do conselleiro Xesús Vázquez Abad

Vídeo (2) coas declaracións do conselleiro Xesús Vázquez Abad

Vídeo (3) coas declaracións do conselleiro Xesús Vázquez Abad

Vázquez Abad preside a entrega da certificación de calidade á rede de formación
Vázquez Abad preside a entrega da certificación de calidade á rede de formación permanente do profesorado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe o acto de entrega da certificación de calidade en base á Norma UNE-EN ISO 9001:2008 á Rede de Formación Permanente do Profesorado, nun acto celebrado no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). Tras recibir en nome da Rede a certificación de mans do director da Delegación de AENOR – entidade certificadora- en Galicia, Martín Pita López, o conselleiro fixo entrega da correspondente documentación aos directores dos seis Centros de Formación e Recursos.

O conselleiro salientou o valor desta certificación, que “coido que é a primeira destas característica en toda España e chega cando se cumpre un ano do cambio emprendido na formación permanente do profesorado e das súas estruturas, coa creación do Centro Autonómico de Formación e Innovación, o CAFI, e a redefinición dos outros seis centros de formación e recursos. Deste xeito, un organismo externo recoñece, con criterios de valoración obxectivos, o sistema de xestión de toda a rede de formación do profesorado”.

Neste sentido lembrou o traballo desenvolvido para fortalecer a rede, para optimizar os nosos recursos, enfocándoos ás demandas dunha sociedade que ten que dar resposta ás necesidades do alumnado do século XXI, nomeadamente en materia de novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e de idiomas.

Balance da nova Rede

Neste acto de recoñecemento, Vázquez Abad fixo balance da actividade da nova Rede de Formación Permanente do Profesorado, “un balance positivo, con máis de setenta e tres mil horas de formación impartidas, o aumento da oferta formativa, da expedición de certificados de formación e da cobertura da demanda”.

Así, explicou que desde o comezo de lexislatura se ten incrementado o número de prazas e de actividades formativas en torno ao 16%; en case un 6% os certificados acreditativos da participación en actividades formativas e nun 25% máis as horas de formación impartidas.

“Pero non só formamos a un maior número de docentes e ofrecémoslles maiores e máis interesantes oportunidades -destacou-. Facémolo no contexto económico máis desfavorable, sendo capaces de optimizar os recursos ao noso dispor”. Deste xeito, o conselleiro explicou que a nova rede logrou un aforro dun 31% nas actividades formativas, incrementando a eficiencia económica nun 26% e mellorando a valoración do profesorado sobre a calidade dos cursos recibidos -que foi de 4,07 sobre 5-.

Ademais, o conselleiro anunciou a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da convocatoria pola que todos os centros públicos da comunidade poderán presentar un plan de formación segundo as súas propias necesidades. “O centro educativo asume así o protagonismo como núcleo central da acción formativa do profesorado”, sinalou.

Traballo conxunto

Con ocasión da recepción da certificación de calidade, o conselleiro quixo agradecer “a todos e cada un dos membros desa rede e do departamento de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa dos que dependen, o voso esforzo, o voso traballo e a vosa implicación, recoñecida tamén con esta certificación”. Ademais felicitou aos Centros de Formación e Recursos e ao Centro Autonómico de Formación e Innovación, “por ser quen de poñerse á altura das expectativas que todos tiñamos postas nel”.

“A certificación recibida hoxe confirma que esta consellería se atopa no bo camiño, dando resposta ás demandas da cidadanía no eido educativo e dos docentes responsables de levalas a cabo”, valorou. “Podo afirmar, sen temor a equivocarme, que temos creado unha estrutura para o futuro, capaz de responder aos novos retos que a sociedade globalizada e competitiva na que nos tocou vivir nos demanda”, engadiu.