A Consellería de Cultura e Educación entrega os premios do XXXI concurso nacional ‘Que é un rei para ti?’

O director xeral de Centros e Recursos Humanos explicou que a través destes galardóns os alumnos de diferentes centros escolares “achéganse a coroa española e amosan dun xeito creativo a súa visión dunha figura institucional tan importante como é a da Súa Maxestade o Rei”

Lun, 28/05/2012 - 13:31
Imaxe da entrega dos premios
Imaxe da entrega dos premios

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, entregou hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia os premios do XXXI Concurso Nacional Que é un rei para ti?. Este certame, no que participaron rapaces de diferentes centros de todo Galicia, recolle a través de moi diferentes vías de expresión, as súas ideas sobre o que é un rei para eles.

No acto, no que foron galardoados un total de 40 rapazas e rapaces, foi elixida ademais Uxía Cosquet Bonner, do IES Carlos Casares de Vigo, como representante de Galicia na audiencia na que a Súa Maxestade o Rei recibirá a gañadores de todas as Comunidades Autónomas. Segundo o director xeral, a través deste galardón “os alumnos de entre 8 e 13 anos de diferentes centros escolares galegos achéganse á coroa española e amosan dun xeito creativo a súa visión dunha figura institucional tan importante como é a da Súa Maxestade o Rei”.

José Manuel Pinal Rodríguez destacou a importancia de que “unha visión persoal dos nosos cativos, marcada pola frescura da súa curta idade, analice unha figura institucional coa que conviven desde antes incluso de teren memoria”. O director xeral asegurou que non todas as materias se poden estudar “dun xeito tan ameno, coñecendo a figura da Súa Maxestade o Rei a través da importancia das súas funcións, e, ao mesmo tempo, aprendendo valores como democracia, liberdade, diálogo, convivencia pacífica e solidariedade, imprescindibles na construción dunha sociedade culta e democrática”.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos felicitou a alumna que representará a Galicia e a todos os participantes “polo interese amosado e polo esforzo na realización dos traballos, porque isto demostra a vosa sede de coñecementos, a vosa ansia por aprender e involucrarvos no que vos rodea, na sociedade que vos toca vivir e nos tempos históricos nos que vos desenvolvedes”. “Ese é o camiño, a única maneira de chegar a ser cidadáns libres, capaces e orgullosos de participar nas institucións democráticas”, engadiu.

Asemade, gabou o labor da Fundación Institucional Española de “conseguir manter viva a chama do interese nos máis novos, ano tras ano”, e agradeceu a implicación do profesorado como guías na realización destas obras nas aulas e o papel de orientación das propias familias”. Na entrega dos premios participaron ademais o presidente da Fundación Institucional Española (FIES), Rafael Guardáns Cambó, e o representante institucional de Orange, Jorge Pazo García, ambas as dúas institucións organizadoras do certame.

Nesta 31 edición do Concurso Nacional Que é un rei para ti?, en Galicia, participaron 2.157 alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, de 1º e 2º da ESO e de educación especial de ata 18 anos de idade, procedentes de 132 centros, que foron asesorados polos seus mestres ou titores na realización dos seus traballos.

Menús News node R