A Consellería de Cultura e Educación convida a descubrir ao compositor Arnold Schönberg na segunda sesión dos ‘Seráns do TAC’

A Biblioteca de Galicia acolle o luns 11 de xuño ás 20,00 horas a sesión ‘En torno a Schönberg’, que abordará as diferentes ópticas deste compositor cando se celebra o centenario dunha obra cumio do século XX como é o “Pierrot Lunaire”

Este segundo ‘Serán’ estará introducido en clave de humor polo músico Julián Hernández e ao final servirase unha tapa-creación a cargo do cociñeiro Pepe Solla

Mér, 23/05/2012 - 12:14
A Consellería de Cultura e Educación convida a descubrir ao compositor Arnold Sc
A Consellería de Cultura e Educación convida a descubrir ao compositor Arnold Schönberg na segunda sesión dos ‘Seráns do TAC’

Tras gozar con Varése, Kagel, Schnittke e Daugherty, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a descubrir ao compositor austríaco Arnold Schönberg na segunda sesión de Os Seráns do TAC, que terá lugar o vindeiro 11 de xuño na Cidade da Cultura. Co obxectivo de introducirnos na música contemporánea dun modo festivo e ameno, este novo concerto volverá combinar humor, música e gastronomía nunha actuación para a que xa están á venda as entradas en www.servinova.com.

Tras o éxito da primeira sesión, Os Seráns do TAC volverán o 11 de xuño ás 20,00 horas con En torno a Schönberg, na que a voz será a protagonista. Con ela, o TAC pretende que o público se achegue á figura de Arnold Schönberg desde dúas perspectivas: o Schönberg compositor, visto a través dunha obra inspirada no mundo do cabaré berlinés; e o Schönberg transcritor, visto polo arranxo que fixo deste ciclo de cancións para voz e orquestra de Gustav Mahler.

Cando se celebra o centenario dunha obra cumio da creación do século XX como é o Pierrot Lunaire, Os Seráns do TAC decide poñela en escena para comprobar que aínda hoxe non deixa indiferente a ninguén. Combinado cos Lieder eines fahrenden Gesellen, este Serán transportará ao público aos primeiros anos do século XX,  nos que se forxaron algunhas das revolucións musicais máis importantes da historia da música.

Como en todas as sesión do TAC, En torno a Schönberg estará introducida por un dos músicos máis carismáticos de Galicia: o líder de Siniestro Total, Julián Hernández. Tras o concerto, o equipo do cociñeiro Pepe Solla ofreceralle aos asistentes unha tapa de cociña contemporánea creada a partir de produtos da nosa terra e inspirada nas obras interpretadas.

As entradas para esta sesión xa poden adquirirse en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión ata o propio día do concerto. O luns 11 de xuño, as entradas poderán adquirirse dende media hora antes do espectáculo no despacho de billetes da Cidade da Cultura a un prezo de 6 euros.

Humor + Música + Cociña

Os Seráns do TAC propón un achegamento ao mundo da música contemporánea e á gastronomía a través dun formato único. O repertorio de grandes figuras como Varèse, Schönberg ou Cage interpretado polos músicos do TAC combinarase coa estrea de obras de compositores galegos como Eduardo Soutullo ou Raquel García Tomás e a participación de artistas internacionais para dirixir ou tocar obras dos nosos compositores como Paul Daniel.

Cinco sesións que estarán introducidas en clave de humor polos actores Quico Cadaval e Carlos Blanco e o músico Julián Hernández (Siniestro Total). Tras o concerto, cinco importantes restaurantes –Abastos 2.0, Eirado de Leña, Pepe Solla, Culler de Pau e Yayo Dacosta– ofreceranlles aos asistentes unha tapa-creación que lle porá o punto e final a un serán único e irrepetible.

Menús News node R

Tema