A xustiza volve a considerar plenamente legal a consulta ás familias sobre as linguas no sistema educativo non universitario de Galicia

Unha sentenza do TSXG decreta que a consulta non lesionou ningún dereito fundamental

Mér, 23/05/2012 - 12:07

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de desestimar o recurso interposto pola asociación Nova Escola Galega contra a consulta ás familias sobre as linguas no sistema educativo non universitario. Na súa sentenza, o TSXG considera que a consulta non lesiona ningún dereito fundamental.

Outro recurso, interposto polo sindicato STEG, xa fora rexeitado polo mesmo TSXG en maio de 2011, ao non atopar o tribunal ningún elemento de ilegalidade na instrución enviada desde a Consellería de Educación aos centros educativos coas indicacións para a realización da dita consulta.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia realizou en xuño de 2009 a dita consulta ás familias do alumnado matriculado no sistema educativo non universitario, dirixíndose ás familias dos 330.856 alumnos/as que estudaban nos 1.490 centros de ensino non universitario que había en Galicia no curso escolar 2008-2009.

O obxectivo da consulta era o de coñecer directamente a opinión das familias sobre distintos aspectos da utilización das linguas na educación non universitaria de Galicia, opinións que foron incorporadas no proceso de elaboración do decreto de plurilingüismo (publicado no DOG en maio de 2010). O nivel de participación das familias, moi especialmente na educación infantil e primaria, mostrou o interese e implicación delas nas decisións que atinxen ao sistema educativo para os seus fillos e fillas.

Os resultados da consulta puxeron de manifesto a necesidade de revisar o marco legal que regulaba as linguas como elementos vehiculares do ensino e advertiron da relevancia que os país outorgaron á aprendizaxe do inglés, ao lado das dúas linguas oficiais. Ademais, a consulta serviu para confirmar a aposta da sociedade galega por unha presenza equilibrada das dúas linguas oficiais nun sistema educativo plurilingüe.