A Consellería de Cultura e Educación da un novo paso para a construción dun novo IES en Soutomaior, Pontevedra

Esta semana licitarase o contrato de servizos para a redacción do proxecto básico e de execución

O novo centro contará con 14 unidades para os estudantes da ESO, bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía e de Humanidade e Ciencias Sociais

Lun, 21/05/2012 - 13:29

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunica que ao longo da presente semana se realizará a licitación do contrato de servizos para a redacción do proxecto básico e de execución para a construción dun novo IES no concello de Soutomaior, en Pontevedra.

Así, desde a Xunta dáse un novo paso para dar resposta as demandas educativas de dita localidade e das limítrofes. O novo centro contará 12 unidades de ESO, un bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía e outro de Humanidades e Ciencias Sociais. Este proceso de redacción é o seguinte paso a dar unha vez que a Consellería recibiu a oferta de terreos por parte do Concello de Soutomaior.

A cantidade correspondente a licitación do servizo de redacción do proxecto é de corenta mil cincocentos cincuenta e catro euros con corenta e seis céntimos de euro (40.554,46 €), tendo un prazo de execución de dous meses desde a formalización do contrato polo licitador que resulte adxudicatario para a súa redacción.

Deste xeito a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a pesares da grave crise económica polo que estamos a atravesar continúa a dar resposta ás demandas da comunidade educativa desta zona pontevedresa.