Xesús Vázquez Abad salienta no día da ONCE a importancia da atención á diversidade do alumnado e do traballo conxunto a prol da educación inclusiva

O conselleiro de Cultura e Educación participou no acto de confraternidade co que se conmemora o XIX Día da ONCE, en Celanova

O titular do departamento educativo da Xunta destacou o valor da colaboración establecida entre Consellería e a Fundación ONCE “grazas á que podemos atender moito mellor ao alumnado con discapacidades visuais”

Sáb, 19/05/2012 - 14:39

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a importancia de conseguir a formación integral de todo o alumnado, “de cada unha das súas capacidades intelectuais, sociais, emocionais e morais. Unha formación que lles axude a afrontar de xeito eficaz e con criterio as esixencias da sociedade na que se van formar e na que se van desenvolver profesionalmente”. “Para iso -engadiu- creamos o decreto de atención á diversidade, dando prioridade á educación inclusiva non como patrimonio da escola, senón como a colaboración activa entre familias, centros educativos e sociedade”.

Así o explicou hoxe na celebración do XIX do Día da ONCE, nun acto organizado polo Consello Territorial da ONCE en Galicia na localidade ourensá de Celanova; no que ademais salientou o valor e a necesidade do traballo conxunto de administración educativa, familia e sociedade, “inculcando ao noso alumnado unha actitude aberta e flexible cara a inclusión”. “Porque só deste xeito, cunha formación integral que faga compatible o progreso intelectual e as actitudes responsables cara a diversidade en calquera das súas manifestacións, seremos quen de fomentar tamén o progreso nos valores persoais que favorezan a xustiza social ou o respecto cara os demais”.

Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta destacou o valor da colaboración establecida entre Consellería e a Fundación ONCE “grazas á que podemos atender moito mellor ao alumnado con discapacidades visuais”. Ademais, agradeceu o labor da ONCE, “a tarefa de atención educativa que realiza, tendo sempre en conta a heteroxeneidade da poboación con cegueira e discapacidade visual e as súas necesidades”.

Semana cultural

Co gallo da celebración do XIX Día da ONCE, a organización preparou unha Semana Cultural cun programa de actividades que tivo como obxectivo dar a coñecer máis de cerca o traballo que desenvolve. Así, celebrouse a representación teatral da obra Historia dunha banca privada, a cargo do grupo ‘As Múxicas’, integrado por persoas con discapacidade visual. No eido da música, o programa consistiu nun concerto da coral Cidade de Vigo e noutro de Ignasi Terraza Trío, enmarcado no Festival de Jazz que organiza o Café Latino.

Así mesmo, a sede da ONCE en Ourense acolleu unha exposición na que os asistentes puideron coñecer o día a día dunha persoa invidente, así como o material educativo e as novas tecnoloxías a disposición deste colectivo. Tamén puideron contemplarse obras realizadas polos afiliados a esta organización en diversos obradoiros.