A Consellería de Cultura e Educación leva á Biblioteca Nodal da Coruña unha mostra interactiva da vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro

A instalación pon en valor o legado do escritor a través dun formato interactivo e novidoso, que inclúe audiovisuais, fotografías, poemas musicados, obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro e gravacións sonoras co seu propio recitado

Esta exposición continuará itinerando ata o verán polas bibliotecas nodais galegas, para, a partir de outubro, percorrer centros de educación secundaria de diferentes localidades.

Lun, 14/05/2012 - 13:47
A Consellería de Cultura e Educación leva á Biblioteca Nodal da Coruña unha most
A Consellería de Cultura e Educación leva á Biblioteca Nodal da Coruña unha mostra interactiva da vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugura hoxe na Biblioteca Nodal da Coruña Miguel González Garcés unha mostra interactiva da vida e da obra do escritor Celso Emilio Ferreiro, do que se celebra en 2012 o centenario do seu nacemento. Esta exposición, que estará na cidade herculina ata o 25 de maio, ten como obxectivo  poñer en valor a vida e a obra do poeta e favorecer un maior coñecemento delas entre a cidadanía.

A mostra baséase nun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro. Xunto coa instalación multimedia, as persoas que visiten a exposición tamén poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dalgúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, organiza esta exposición que se enmarca dentro das actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.

Esta mostra interactiva, despois de haber visitado Santiago, Pontevedra e agora A Coruña, continuará o seu percorrido polo resto de bibliotecas nodais, pasando polas de Ourense, Lugo e, finalmente, Vigo. Xa no mes de outubro, a exposición multimedia chegará aos centros educativos para achegarlles aos estudantes de secundaria a obra e a figura do poeta de Celanova. Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de Celanova (Celanova).

Descubrir o escritor a través dos novos soportes

Unha pantalla interactiva de gran tamaño conforma o elemento central da instalación, con acceso a aplicacións multimedia. Un muro vertical móbil co retrato do escritor e unha mesa de luz, con obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro, como as súas lentes, a máquina de escribir e unha cámara de fotos, completan a instalación.

Os usuarios que se acheguen a este punto multimedia informativo van encontrar nel contidos variados, como notas biográficas, imaxes do escritor ou anacos das súas obras, e mesmo poderán escoitar o propio recitado na voz de Celso Emilio. Tamén se inclúe un repertorio de cancións baseadas no poeta, así como audiovisuais e xogos participativos para coñecer máis do escritor e político. Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor,  http://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.