O conselleiro de Cultura e Educación salienta a implicación da comunidade educativa na homenaxe que as letras galegas lle renden a Valentín Paz-Andrade

Xesús Vázquez Abad entregoulle hoxe un dos premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012. Valentín Paz-Andrade ao IES Xoán Montes de Lugo, gañador na modalidade de Ensino Secundario, Formación Profesional e Bacharelato

Arredor de 1.800 entidades, administracións e institucións recibiron, da man de Cultura e Educación, as coleccións de carteis que conforman ‘Colleita do 1898’ acompañada dunha proposta didáctica multidisciplinar coa que difundir nas aulas a figura, a vida e a obra de Paz-Andrade

Lun, 14/05/2012 - 13:25
Xesús Vázquez Abad entregoulle hoxe un dos premios do Concurso-Exposición Letras
Xesús Vázquez Abad entregoulle hoxe un dos premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012. Valentín Paz-Andrade ao IES Xoán Montes de Lugo, gañador na modalidade de Ensino Secundario, Formación Profesional e Bacharelato

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregoulle hoxe o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012. Valentín Paz-Andrade ao IES lugués Xoán Montes, gañador na modalidade de Ensino Secundario, Formación Profesional e Bacharelato. No acto, que tivo lugar no propio centro de ensino, Vázquez Abad salientou a implicación da comunidade educativa na lembranza de Valentín Paz-Andrade e na difusión da súa vida e obra, así como no coñecemento da época histórica na que viviu.

O titular de Cultura e Educación estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e por alumnado e profesorado do IES Xoán Montes de Lugo. No acto tamén participaron a directora do centro, Santos María Prado Castro; o 1º tenente alcalde do Concello de Lugo e concelleiro de Promoción Lingüística, Antón Bao, e o xefe territorial provincial de Cultura e Educación, José Jesús Ramos Ledo.

O alumnado do IES Xoán Montes, pola súa banda, interpretou unha breve peza teatral escrita pola alumna de Bacharelato Ángela Bertrán que incluíu a interpretación musicada de “Negra sombra” –poema rosaliano musicado polo autor que lle dá nome ao centro educativo-, “Unha noite na eira do trigo” e “Meu amor é mariñeiro”. A continuación, os estudantes recitaron os poemas de Valentín Paz-Andrade “As palabras” e “Cando ti volvas”.

A tarefa de Paz-Andrade

Neste acto de entrega o conselleiro felicitou ao profesorado e ao alumnado “que acometeu a tarefa de elaborar esta exposición, tarefa na que de seguro estivo presente o espírito laborioso e comprometido de Valentín Paz-Andrade”. “De feito, teño que felicitarvos por serdes capaces de concentrar nos vosos carteis a vida e a obra dunha persoa tan esforzada. Seguro que non foi tarefa doada”, engadiu.

Deste xeito, Vázquez Abad enxalzou a figura de Paz-Andrade, ao explicar que “todas as persoas que, como fixestes vós para elaborar a exposición que vos mereceu o premio, nos debruzamos este ano na andaina vital do persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas quedamos admirados pola súa condición de home laborioso e activo”. “Só nos resultará compresible o porqué desta actividade frenética -explicou- se nos decatamos de que Valentín Paz-Andrade concibiu a súa propia vida como unha tarefa por facer, para a que non podía renunciar a ningún tipo de propósito, e para a que, malia as circunstancias adversas, estaba obrigado a construírse día a día a través da acción e do traballo”. Unha tarefa que quedou recollida na exposición do IES Xoán Montes, “na que se ve a condición activa do carácter do homenaxeado e a natureza poliédrica e variada das súas tarefas e consecucións”, dixo o conselleiro.

O conselleiro quixo poñer de relevo “a preocupación que sentiu pola nosa lingua, a que tanto amou, a que tanto estudou, a que tanto cultivou e sobre a que tanto reflexionou para ofrecerlles aos galegos e galegas razóns que os fixesen percibir o galego como unha lingua válida e con horizonte económico”.

‘Paz-Andrade, galego de corazón’

‘Paz-Andrade, galego de corazón’ é a proposta coa que o CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao foi merecedor do premio na modalidade de Infantil e Primaria na convocatoria 2011-2012. O vindeiro mércores, o alumnado e o profesorado que participaron na súa confección recibirán o galardón, tamén de man do titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, nun acto que se celebrará en Rianxo.

Traballo multidiscisciplinar

A través destes traballos, as alumnas e alumnos presentan a obra e a época do autor homenaxeado desde unha perspectiva multidisciplinar, implicando a varios departamentos do centro educativo no proxecto. Así, a Consellería, impulsora do certame a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, contribúe a fomentar a colaboración interdepartamental nos colexios e institutos, así como a implicación activa do profesorado e o alumnado, nomeadamente dos integrantes dos equipos de dinamización da lingua galega.

O certame, organizado no marco de actividades desenvolvidas pola Consellería na lembranza de Paz-Andrade este anos no que se lle dedica o 17 de maio, constitúe unha oportunidade para convidar ao estudantado a que reflexione sobre a situación sociolingüística da nosa lingua propia na época concreta do autor. Procúrase, ao tempo, a dignificación e normalización do galego, enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega. De feito, as exposicións gañadoras imprímense para seren distribuídas nuns 1.800 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.