A Consellería de Cultura e Educación programa actuacións de rúa para difundir a obra poética de Paz-Andrade a través da música

O secretario xeral de Cultura, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e o produtor Isaac Garabatos presentaron a iniciativa, que comezará mañá na cidade da oliveira e que percorrerá diversas localidades nos próximos días

Os grupos galegos Xardín Desordenado e Tender a Man serán os encargados de interpretar os versos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012

O principal obxectivo da iniciativa é “achegarlle á cidadanía o interese polos versos de Paz-Andrade dun xeito lúdico e nos seus contextos de tránsito habitual”, asegurou Anxo Lorenzo

Mér, 09/05/2012 - 17:05
Anxo Lorenzo presentou as actuacións de rúa poético-musicais
Anxo Lorenzo presentou as actuacións de rúa poético-musicais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove unha nova iniciativa para celebrar as Letras Galegas e contribuír coa difusión da obra do autor homenaxeado en 2012, Valentín Paz-Andrade. Con este fin, a Secretaría Xeral de Cultura programa diversas actuacións de rúa que teñen como protagonista os versos do escritor musicados e que se desenvolverán en diferentes localidades de Galicia durante os próximos días.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch; e o músico e produtor Isaac Garabatos, de Sul Producciones, presentaron hoxe a iniciativa na cidade da oliveira, que será o escenario da primeira das actuacións. O obxectivo desta iniciativa “é achegarlle á cidadanía, nos seus contextos de tránsito habitual, o interese dos versos de Paz-Andrade dunha maneira lúdica e atractiva, ao tempo que se reforza a celebración colectiva das nosas letras e da nosa lingua neste mes de maio”, explicou Anxo Lorenzo.

Actuacións de rúa

Para levar a cabo este proxecto, a Secretaría Xeral de Cultura vai da man de dous grupos galegos que se caracterizan pola promoción da literatura galega a través dos seus traballos discográficos, publicados por Sul Producciones. Trátase de Tender a Man e Xardín Desordenado. Esta última formación musical será a encargada de iniciar as actuacións de rúa, mañá, ás 19:00 horas, na praza da Princesa de Vigo. O venres 11 de maio estará en Ourense, á mesma hora, na rúa do Paseo, e o sábado 12 de maio levará os versos de Valentín Paz-Andrade ata a cidade da Coruña, onde actuará ás 13:00 horas na rúa Real.

A semana que vén, o martes 15 de maio, Xardín Desordenado interpretará os poemas do autor na capital de Galicia, a partir das 19:00 horas na praciña de Fonseca. Finalmente, o grupo Tender a Man pechará o percorrido desta iniciativa cunha actuación musical na cidade natal do escritor, Pontevedra, que terá lugar na véspera do Día das Letras Galegas, o 16 de maio, na praza da Ferraría.

As actuacións de rúa que promove a Consellería de Cultura e Educación forman parte dun completo programa de actividades que está a desenvolver o Goberno galego para conmemorar as Letras Galegas 2012, entre as que se inclúen unha exposición itinerante multimedia en centros educativos e bibliotecas, a páxina web oficial do escritor (www.valentinpazandrade.com), a publicación do facsímile de Galicia como tarea e unha edición sobre a biografía de Paz-Andrade para os lectores máis novos.

Promover a poesía a través da música

A Secretaría Xeral de Cultura conta cos grupos Xardín Desordenado e Tender a Man para a interpretación dos poemas de Paz-Andrade. A primeira das formacións naceu en 2008 co obxectivo de promover a poesía galega a través da música. Froito deste interese xurdiron composicións que recuperan traballos de escritores como Uxío Novoneira, Manuel María ou Xosé María Álvarez Blázquez. O grupo confórmano Marlene Rodrigues (voz), Blas Segura (baixo), Isaac Garabatos (guitarra e teclados), Santiago Ferragud (voz) e David González (batería e percusións).

Pola súa banda,Tender a Man ofrece un espectáculo poético multimedia producido por un grupo artístico variable, que aposta por un novo xeito de ver e comunicar a poesía máis nova e actual ao fío dos tempos e coa complicidade das novas tecnoloxías. Os integrantes desta formación son a escritora Yolanda Castaño, o músico e produtor Isaac Garabatos, a bailarina e coreógrafa Branca Novoneyra, o músico Jesús Andrés e a cantante Mónica de Nut.

Menús News node R

Tema