Cultura e Educación homenaxea o 12 de maio ao escritor Jorge Amado na segunda sesión do ciclo ‘Galicia, Ceo das letras’

A Biblioteca de Galicia acolle a sesión dedicada ao autor brasileiro cun relatorio a cargo de Basilio Losada e a proxección de ‘Jorgeamado no cinema’ de Glauber Rocha

Nenos de 6 a 11 anos descubrirán a Jorge Amado a través dunha adaptación teatral da súa obra ‘O gato gaiado e a andoriña seña’ e un programa de xogos e actividades lúdicas

A inscrición para ambas as dúas sesións é de balde previa reserva en www.cidadedacultura.org

Dom, 06/05/2012 - 16:48
Cultura e Educación homenaxea o 12 de maio ao escritor Jorge Amado na segunda se
Cultura e Educación homenaxea o 12 de maio ao escritor Jorge Amado na segunda sesión do ciclo ‘Galicia, Ceo das letras’

Jorge Amado, o escritor brasileiro de maior proxección universal, será o protagonista da segunda sesión do ciclo Galicia, Ceo das letras, co que a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende renderlle unha homenaxe a grandes autores clásicos da literatura a través da sinerxia entre literatura e outras disciplinas artísticas como a música, o cine ou o teatro. No ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento, o departamento que dirixe Vázquez Abad busca, a través deste novo Sábado de autor no Gaiás, divulgar a figura deste novelista, xornalista e memorialista cuxa obra mostra un acentuado compromiso social cos desposuídos, condimentado con humor, maxia e sensualidade.

Con esta segunda edición de Galicia, Ceo das Letras, Cultura e Educación recupera un dos ciclos máis exitosos dos celebrados na Cidade da Cultura durante o 2011, combinando nesta ocasión un tributo especial á Xeración Nós coa conexión galega con escritores iberoamericanos. Deste xeito, coa de Jorge Amado inaugúranse as sesións dedicadas a talentos mundiais aos que nos unen a veciñanza, a lingua ou o mesto universo da imaxinación e que incluirá grandes nomes como Federico García Lorca ou James Joyce.

O 12 de maio terá lugar na Biblioteca de Galicia Jorge Amado. Da nosa veciñanza IV, unha sesión que arrancará co relatorio a cargo dunha das figuras que máis profundaron neste autor: o tradutor, crítico literario, ensaísta e narrador Basilio Losada. A sesión completarse coa proxección do documental Jorgeamado no cinema, dirixido polo iconoclasta cineasta brasileiro Glauber Rocha, artífice do movemento Cinema Novo. Para a presentación deste Sábado de autor contarase con José Manuel Sande, responsable da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

Actividades para pequenos lectores

Como novidade, esta segunda edición de Galicia, Ceo das Letras conta tamén cos máis pequenos, aos que busca introducir no mundo de cada un dos autores dunha forma lúdica e entretida. Para esta sesión, a consellería de Cultura e Educación pon en marcha un didáctico e divertido programa que inclúe a representación de Unha de amor, adaptación teatral da obra O gato gaiado e a andoriña seña de Jorge Amado por parte da compañía viguesa Artello Teatro e todo un conxunto de actividades lúdicas e educativas nas que nenos de 6 a 11 anos pintarán ao escritor, poranlle música e participarán en diversos obradoiros nos que a aprendizaxe e o divertimento serán a mesma cousa.

A inscrición para ambas as dúas sesións, tanto a de adultos como a de nenos, é de balde previa reserva en www.cidadedacultura.org.

Menús News node R

Tema