Cultura e Educación recibe alumnado que estuda galego en centros de secundaria de Cataluña no marco do proxecto Galauda

Os estudantes de galego do IES Sant Just Desvern de Barcelona visitan estes días Galicia para coñecer de primeira man a lingua e a cultura da Comunidade

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deulles a benvida no nome da Xunta de Galicia

Sáb, 05/05/2012 - 11:31
O secretario xeral recibiu aos estudantes na Cidade da Cultura
O secretario xeral recibiu aos estudantes na Cidade da Cultura

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación recibiu, no nome da Xunta de Galicia, o alumnado que estuda galego no IES Sant Just Desvern de Barcelona, de visita en Galicia. Os estudantes veñan acompañados de tres profesores, entre os que se encontra Sabela Labraña, responsable do Proxecto Galauda, que posibilita o estudo do galego en centros de secundaria de Cataluña.

Valentín García deulles a benvida aos rapaces e rapazas cataláns e resaltou que o Proxecto Galauda está “na liña da proposta deseñada polo Consello de Europa no Marco europeo común de referencia para as linguas, que aposta por diversificar os idiomas que se lle ofrecen ao alumnado nas institucións educativas e por darlles aos estudantes a posibilidade de desenvolver unha competencia plurilingüe”. Valentín García destacou tamén as oportunidades persoais e laborais que representa o coñecemento do galego, tanto en Galicia coma en Portugal e Brasil, cun idioma moi semellante ao noso. Neste sentido, insistiu en que as linguas, “que algúns ven como obstáculos para a comunicación, son en realidade pontes que permiten superar as dificultades e accidentes do camiño e que nos permiten chegar tan lonxe como queiramos”.

O encontro tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, cuxas instalacións visitou o alumnado catalán ao finalizar a recepción da Consellería de Cultura Educación. O venres, desprazáronse ata o CPI Doutor Daniel Monje, de Navia de Suarna, con cuxo alumnado manteñen un intercambio que favorece a mellora da súa competencia en galego. Precisamente, a finalidade da visita a Galicia dos estudantes do IES Sant Just Desvern é coñecer de preto a realidade lingüística e cultural da nosa comunidade autónoma.

Estudar galego en Cataluña

En Cataluña, ademais de cursos para adultos, existe unha oferta de galego no ensino regrado. Pódense cursar estudos de lingua galega na Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e na Universidade de Barcelona (UB). Foi nesta última onde naceu en 1999 o proxecto Galauda, que conta coa colaboración das administracións autonómicas galega e catalá.

Grazas a este marco de colaboración, varios institutos de Cataluña veñen ofertando a aprendizaxe do galego como segunda ou terceira lingua. Esta actividade académica complétase cunha programación de actividades para o alumnado, na que se inclúen, entre outras iniciativas, esta viaxe a Galicia e a participación no Saló Internacional del Còmic de Barcelona con materiais galegos e cataláns.

Ademais do IES Sant Just Desvern, participan no proxecto Galaudao IES Arquitecte Manuel Raspall, o IES Margarida Xirgu e o IES Narcis Monturiol.

Menús News node R