O conselleiro de Cultura e Educación salienta a importancia do labor dos equipos directivos na mellora da educación en Galicia

Xesús Vázquez Abad inaugurou hoxe as XXI Xornadas de Equipos Directivos, que se celebran ata o día 5 no Pazo de Mariñán

Xov, 03/05/2012 - 19:03
Xesús Vázquez Abad inaugurou hoxe as XXI Xornadas de Equipos Directivos
Xesús Vázquez Abad inaugurou hoxe as XXI Xornadas de Equipos Directivos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a importancia do labor dos membros dos equipos directivos na mellora da educación en Galicia, grazas ao traballo que desenvolven a diario nos centros de ensino. Deste xeito o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia inaugurou as XXI Xornadas de Equipos Directivos, que se celebran ata o día 5 no Pazo de Mariñán, un acto no que estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana.

Vázquez Abad destacou a necesidade de contar “o esforzo e a implicación do profesorado e co compromiso dos equipos directivos, cun único horizonte común: a excelencia educativa". "Estamos no bo camiño, xa que nos últimos tres anos conseguimos reducir o abandono escolar nun 5,2%, por riba da media española -que é do 4,9%-“, dixo.

Así agradeceu o seu labor e sinalou o valor do traballo conxunto -equipos directivos, docentes, administración e familias-, “que é o único xeito de atopar a saída á situación na que a nosa sociedade se encontra sumida. E esa saída pasa necesariamente por unha educación de calidade”.

Neste sentido o conselleiro manifestou o compromiso do departamento que dirixe coa procura dunha educación moderna e de calidade, “á altura dos mellores e máis avanzados sistemas educativos”. “Temos que investir no futuro de Galicia, porque o noso alumnado non merece menos”, destacou.

Convivencia na escola inclusiva

Durante a súa intervención Vázquez Abad reiterou o compromiso da Consellería coa mellora do clima nas aulas, o que se puxo de manifesto mediante a aprobación da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa que axuda a estas a afrontar situacións conflitivas e superalas, ademais de dignificar a figura do docente.

Doutra banda, o conselleiro salientou a aposta do departamento que dirixe pola atención ás necesidades educativas da diferenza, a través da publicación do Decreto de Atención á Diversidade, “que coloca a Galicia como unha das comunidades máis avanzadas de cara a acadar unha escola verdadeiramente inclusiva”.

Ademais Vázquez Abad agradeceu o traballo de directores e membros dos equipos directivos, na posta en marcha de proxectos como o Abalar, o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, os contratos programa ou o Plan de Iniciativas de Mellora, “que precisaron de vostedes para concretar todas as súas potencialidades”.

Funcións da dirección

As XXI Xornadas de Equipos Directivos teñen como obxectivo reflexionar sobre as relacións interpersoais dentro da comunidade educativa, co fin de avanzar cara a unha convivencia en harmonía que facilite o proceso ensino-aprendizaxe do alumnado. Para iso, afondarase na función dos equipos directivos a este respecto; e contarase coa colaboración dun equipo da Garda Civil, que impartirá dous relatorios arredor do Plan Director para a Convivencia e a Seguridade Escolar.

Así mesmo, neste encontro analizaranse as funcións da dirección como eixo dinamizador do labor pedagóxico, para o que os asistentes desenvolverán propostas e estratexias para acadar un liderado educativo que contribúa a unha mellora da calidade do ensino.

Doutra banda, afondarase na actual normativa curricular sobre a competencia dixital e os programas de integración das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na educación, con especial atención ao Proxecto Abalar. O obxectivo é dotar aos equipos directivos e ao conxunto do profesorado de instrumentos e modelos pedagóxicos e organizativos que faciliten o uso didáctico das TIC nos colexios e institutos.

As xornadas contarán coa achega de relatores como o xuíz de menores no xulgado número 2 de Ávila, Luís Carlos Nieto García; o secretario xeral da Escola Galega das Administracións Públicas, Néstor Valcárcel Teijeiro; e dos membros do Equipo do Plan Directorio da Garda Civil Fernando Villar, Jesús López e Antonio Conde.