Xesús Vázquez Abad asina o convenio de colaboración para a ampliación do CPI Conde de Fenosa de Ares

O documento foi rubricado polo alcalde do concello de Ares e o presidente da Deputación de Ares

O centro contará cun novo aulario de infantil para o que a Consellería licitará o proxecto e asumirá a construción das aulas e o Concello adquire os terreos e a Deputación colaborará nesta xestión

Lun, 30/04/2012 - 12:40
O conselleiro de Educación na firma do convenio co Concello de Ares e a Deputaci
O conselleiro de Educación na firma do convenio co Concello de Ares e a Deputación da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe o convenio de colaboración para a ampliación do CPI Conde de Fenosa, de Ares, co alcalde do concello, Julio Ignacio Iglesias e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo.

Así se dá un novo paso para o cumprimento do compromiso adquirido pola Consellería co Concello para a construción dun novo aulario de educación infantil, que contará con 6 aulas de educación infantil, 1 de psicomotricidade, aseos infantís e unha sala de profesores.

En virtude do convenio asinado hoxe o departamento dirixido por Vázquez Abad comprométese a elaborar, supervisar e aprobar o proxecto básico e de execución da obra. Posteriormente iniciarase a tramitación dos expedientes de licitación e execución de cara a construción do novo aulario. De feito, os orzamentos da Consellería para 2012 recollen unha dotación para licitar o proxecto, unha vez teña a disposición os terreos e se teña producido o traslado da pista cuberta.

Compromiso

A Consellería comezará a súa intervención na construción do novo espazo unha vez que o concello de Ares traslade a poña a disposición os terreos colindantes ao centro, co fin de situar neles a pista cuberta, que actualmente está instalada dentro do recinto do centro. No espazo que quedará baleiro será onde se sitúe o novo aulario.

Pola súa banda, o concello asume a adquisición dos terreos necesarios para ubicar a pista cuberta, e a executar o traslado da mesma ao novo solar, para o que contará coa colaboración financeira da Deputación da Coruña, tal e como queda reflectido no convenio asinado hoxe.

Cómpre recordar que o problema da escolarización das alumnas e alumnos de educación infantil, que viña acontecendo desde 2006, foi solucionado no comezo do presente curso coa instalación dunhas aulas provisionais. Deste xeito, con este convenio o departamento educativo da Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co mantemento das instalacións dos centros educativos nas mellores condicións, de tal forma que se satisfagan as necesidades da comunidade educativa, ao tempo que se dá resposta á demanda escolar nas zonas con maior poboación infantil.