Cultura e Educación colabora na realización de Feiras de Libros que esta semana trae a Santiago a súa XXXI edición

Hoxe inaugurouse o evento que ata o 6 de maio se desenvolverá na Alameda de Santiago de Compostela

No acto de apertura a Consellería estivo representada polo secretario xeral técnico e o pregón correu a cargo do director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes

Durante toda a semana máis de 30 escritores e editores asinaran 20 títulos nas 14 casetas instaladas no paseo compostelá

Sáb, 28/04/2012 - 13:00
XXXI Feira do Libro de Santiago
O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación participou na inauguración da XXXI Feira do Libro de Santiago

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve a mostrar o seu apoio ao sector editorial na XXXI Feira do Libro que desde hoxe se celebra en Santiago.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a lectura e impulsa o sector editorial coa posta en marcha das Feiras do Libro de Galicia 2012, para o que achega este ano 128.000 euros. O percorrido destes eventos culturais comezou en Ferrol e continúa a súa itinerancia ata o mes de agosto polas catro provincias galegas, nas localidades de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Vigo, A Coruña e Viveiro.

Na xornada inaugural, desenvolvida hoxe pola mañá no paseo da Alameda compostelá a Consellería estivo representada polo secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, que na súa intervención sinalou que “desde a actual administración autonómica estamos seguros de que o éxito na promoción do libro galego –ter máis e mellores lectores–, é unha condición necesaria para o futuro da nosa industria do libro, pero –sobre todo–,supón unha oportunidade de progreso cultural para o conxunto da sociedade galega”, ao tempo que recordou que “durante estes 9 días o libro cruza os muros das librerías e bótase á rúa para achegarse ao maior número de persoas posible. Por iso, convido a todos os santiagueses e santiaguesas, e a todas as persoas que visiten Compostela nestas datas, a que se acudan a esta feira para encontrarse coa mellor literatura”.

A inauguración

O pregón inaugural correou a cargo do director da editorial Galaxia Víctor F. Freixanes, e no acto tamén participou a Asociación do Traxe Galego, que xunto co concello de Santiago e a Deputación da Coruña colaboran coa Federación de Libreiros na organización da feira que é patrocinada polo departamento dirixido por Vázquez Abad.

Nesta XXXI edición a Feira conta con 14 casetas nas que participan a Biblioteca Pública Ánxel Casal; o Consorcio Editorial Galego; Editores de Compostela; Gran Enciclopedia Galega. Tamén as librarías Ler, da Pobra do Caramiñal; Arenas da Coruña; Brañas, de Carballo; Brea de Betanzos; Cartabón e Libros para Soñar ambas de Vigo; Pedreira de Santiago e Urco Editora.

Ao longo da semana desenvolveranse actividades dirixidas para todos os asistentes. Así hoxe pola tarde haberá un obradoiro de xogos ás seis da tarde. Unha hora despois Mercedes López- Mayán, Beatriz Castro Díaz e Alfonso Iglesias Amorín asinaran o libro Historia de Santiago de Compostela, e posteriormente Begoña Caamaño xunto a Víctor Freixanes presenta a súa obra Morgana en Esmelle.

A programación

Para o domingo as actividades comezaran á unha do mediodía cunha actuación musical e posteriormente haberá obradoiros e presentación de obras. Nos vindeiros días pasarán pola feira as autoras e autores Xosé Neira Vilas, Marcos Pérez Pena, Fran Zabaleta e Juan Sacha Full; Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Martiño Noriega xunto a Manuel M. Barreiro. José Luis Iglesias Dïaz e Anxo Angeuria chegando a 20 firmas de libros e 30 escritores e editores.

Nenos, mozos e maiores poderán gozar de distintas actividades na feira, desde obradoiros ata charlas coloquios, ademais dos habituais encontros cos autores para a sinatura de libros. Cómpre recordar que todos os días antes do peche da feira realizarase un sorteo dun lote de libros.

A feira do libro de Santiago celébrase unha semana despois da de Ferrol. Tras ela a Consellería continuará apoiando a realización de Feiras de Libros e ao sector editorial, cuxa seguinte cita será entre o 15 e o 20 de maio na praza maior de Lugo. Nos meses de verán celebraranse as tres feiras restantes. A Feira do Libro de Vigo chegará á praza de Compostela o día 29 de xuño, onde permanecerá ata o 8 de xullo. A seguinte parada será no mes de agosto, do día 1 ao 10, nos xardíns Méndez Núñez da cidade herculina. Finalmente, a Feira do Libro de Viveiro, que terá lugar desde o 13 ao 16 de agosto, pechará o ciclo de 2012.