O conselleiro de Cultura e Educación presenta a Manuel Guede Oliva como novo director do Centro Dramático Galego

Xesús Vázquez Abad gabou a traxectoria profesional de Manuel Guede, e asegurou que o novo director terá a tarefa de “idear unha programación escénica de calidade, plural e para todos os públicos”

Xov, 19/04/2012 - 11:49
O conselleiro de Cultura e Educación presenta a Manuel Guede Oliva como novo dir
O conselleiro de Cultura e Educación presenta a Manuel Guede Oliva como novo director do Centro Dramático Galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe a Manuel Guede Oliva como novo director do Centro Dramático Galego. O conselleiro asegurou que o novo director é “unha persoa do teatro galego, un profesional reputado das artes escénicas e un experto xestor cultural”.

Xesús Vázquez Abad explicou que Guede Oliva, ademais de coñecer ben está institución–que xa dirixiu nunha longa etapa–, “sabe moi ben como funciona o teatro galego, comprende as súas necesidades e, sobre todo, ten unha idea persoal da dirección que o CDG debe tomar para mellorar a súa xestión”.

Segundo o titular de Cultura e Educación da Xunta, co nomeamento de Manuel Guede “pretendemos dar resposta a unha necesidade evidente como é que o CDG teña un director que guíe o seu rumbo, xestione os seus recursos, faga as propostas que considere pertinentes e tome as decisións que correspondan para impulsar así a actividade dunha institución clave para o teatro galego”.

Por último, Vázquez Abad mostrou o eu total respaldo a Manuel Guede, quen agora ten a tarefa de “normalizar e regularizar o teatro galego, e quen deberá de ofrecer en breve unha programación escénica de calidade, plural e para todos os públicos”.

No acto de presentación, realizado no Salón Teatro de Santiago, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero; e polo propio Manuel Guede Oliva.

Unha vida vinculada ao sector escénico

Manuel Guede Oliva estivo estritamente vinculado a escena galega durante toda a súa vida. Foi director do Centro Dramático Galego dende 1991 a 2005. Autor, tradutor e director de producións de gran calidade e de moito éxito dentro e fora do noso país.

Comezou a dar os seus primeiros pasos como dramaturgo na tempada 1973-1974, cando co texto ‘Ou Cume’ foi finalista do concurso de obras teatrais Abrente de Ribadavia. Nestas datas tamén colaborou co colectivo ‘Histrion-70’. En 1982, na cidade de Ourense, foi o fundador da Sala Caritel e da compañía de teatro do mesmo nome.

Con Eduardo Alonso versionou varias obras como ‘O enfermo imaxinario’ de Moliere, ‘Medea’ de Eurípides e ‘As alegres casadas’ de William Shakespeare. En 1998 participou no espectáculo ‘Val-Inclán 98’, en coprodución co Centro Dramático Nacional, o Centro Dramático Galego e o Centro Dramático de Viana do Castelo (Portugal), coa dirección da peza ‘Ligazón’.

Guede Oliva foi membro do Consello Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura entre os anos 2001 a 2004. En Portugal tamén desenvolveu unha exitosa traxectoria profesional, en concreto, coa Companhia de Teatro de Braga dirixiu en 2007 o texto do autor serbio Dusan Kovacevic, ‘O profesional’, e en 2010 o texto de Ramón María del Valle-Inclán, ‘A cabeza do Baptista’.

Entre outros moitos recoñecementos, Manuel Guede gañou en 2006 o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais convocado pola Xunta de Galicia pola súa obra ‘Ocaso Outeiro’. Asemade, en 2011 recibiu o Premio Rafael Dieste de la Deputación da Coruña co texto ‘A función do tequila’.