Cultura e Educación reúne a 315 docentes nos encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2011/2012

A iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2010/2015 para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe, que desenvolve a Consellería para o fomento do hábito lector

Representantes de 300 centros educativos intercambian hoxe a mañá experiencias e boas prácticas sobre actividades de dinamización da lectura

Está prevista a publicación dunha nova convocatoria para a incorporación de centros ao Plan de Mellora no curso 2012/2013

Xov, 19/04/2012 - 11:16
Cultura e Educación reúne a 315 docentes nos encontros do Plan de Mellora de Bib
Cultura e Educación reúne a 315 docentes nos encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2011/2012

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe e mañá a 315 docentes procedentes de 300 centros educativos galegos nos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012(PLAMBE). Nesta ocasión danse cita en Santiago profesoras e profesores que coordinan os equipos de biblioteca de máis de 300 centros incluídos no programa nas últimas convocatorias - desde a 4ª á 7ª-, nun encontro ao que tamén asisten asesoras e  asesores da Rede de formación do profesorado que colaboran neste ámbito e representación do servizo de Inspección.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal Rodríguez, inaugurou esta mañá o evento, salientando este evento como “unha oportunidade para o fortalecemento de vínculos profesionais e para a actualización de coñecementos”, arredor do papel das bibliotecas escolares como espazos de aprendizaxe e de lectura, que cualificou como “incontestable, básico tanto para a adquisición das competencias como para favorecer a consecución dos obxectivos educativos”.

Consciente da importancia de universalizar un modelo de biblioteca que está demostrando ser útil, a consellería puxo en marcha o Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares que, como poderemos confirmar durante estes encontros, está a dar resposta ás necesidades de avance que se manifestan neste ámbito.

Neste sentido o director xeral anunciou que a Consellería está xa a preparar unha nova convocatoria “para seguir sumando centros ao programa, ademais de apoiar ás bibliotecas que fagan patente o seu desexo de continuar no programa e que acaden valoración positiva nas memorias do presente curso”.

O director xeral felicitou ademais aos responsables das bibliotecas polo nivel acadado, que lle valeu a 6 centros educativos ser galardoados na última convocatoria do concurso nacional de boas prácticas na dinamización das bibliotecas escolares que convoca o Ministerio de Educación. “Estes galardóns véñense a sumar aos vinte e oito anteriores, representativos do esforzo e o nivel de calidade que se está a conquerir en Galicia neste ámbito”, sinalou.

Experiencias de calidade

Os asistentes a este encontro poderán intercambiar experiencias de calidade, arredor dos proxectos interdisciplinares e as pequenas investigacións que, co apoio da biblioteca escolar e os seus recursos, permiten dotar ao alumnado de habilidades para o uso e produción da información.

Neste sentido, a Consellería promove e organiza este evento - no marco do no Plan LÍA 2010/2015 para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe,-  pola importancia que teñen as bibliotecas escolares - neste caso as inseridas no PLAMBE- á hora de contribuír á adquisición de competencias básicas, especialmente as de tratamento da información e competencia dixital e a de aprender a aprender.

Así, durante o encontro celebraranse 7 mesas de experiencias simultáneas, nas que se abordarán proxectos de carácter interdisciplinar nos que a biblioteca ten protagonismo ou ferramentas TIC ao servizo da educación das

habilidades de investigación. Ademais haberá encontros por zonas nas que se debaterá sobre os posibles ámbitos de colaboración ou as prácticas ALFIN para a adquisición da competencia informacional.

Ademais reputados expertos como Casildo Macías, da Consejería de Cultura y Educación de Extremadura; Elena Martín, da Universidade Autónoma de Madrid; o director do Estudio de Teatro Casahamlet, Santiago Fernández; ou José Antonio Millán , escritor, editor e lingüista; participarán neste evento con relatorios nos que abordarán as diferentes posibilidades das bibliotecas escolares, os procesos de autoavaliación ou a lectura en voz alta, entre outros aspectos.

Así mesmo participarán nos relatorios as asesoras de bibliotecas escolares da Consellería Pilar Sampedro e Cristina Novoa, así como César Iglesias, coordinador do Proxecto Meiga.

Centros no PLAMBE

Está prevista a publicación dunha nova convocatoria para a incorporación de centros ao Plan de Mellora no curso 2012/2013. Cómpre lembrar que a Consellería incorporou este curso 84 novos centros educativos á rede de bibliotecas integradas no Plan de Mellora. Este programa, que pretende impulsar a adaptación das bibliotecas dos centros públicos non universitarios ás necesidades xeradas pola actual sociedade da información, inclúe neste curso 2011/2012 un total de 449 centros de distintos niveis do ensino, repartidos por toda a xeografía galega.

O PLAMBE busca potenciar a función das bibliotecas escolares, apoiando os esforzos das comunidades educativas con asignacións destinadas á súa constante actualización e mellora. Deste xeito, aqueles centros que se comprometen a renovar as súas bibliotecas e a utilizalas de forma eficiente para a mellora da calidade do ensino que ofrecen ao seu alumnado reciben contías importantes, tanto para a renovación dos fondos da colección (contemplando o soporte impreso e o soporte dixital), como para a renovación de equipamento e mobiliario.