A Consellería de Cultura e Educación participa nas xornadas Arte Contemporánea en Galicia 2012 que se celebran en Santiago

Organizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG), a mesa de debate desta tarde centrouse nos espazos públicos de arte, a programación e a xestión

Os directores da Agadic e do CGAC participaron no relatorio no que se fixo referencas ás accións da Consellería destinadas á promoción dos artistas individuais, exposicións e proxectos artísticos conxuntos

Mér, 18/04/2012 - 18:45
A Consellería de Cultura e Educación participa nas xornadas Arte Contemporánea e
A Consellería de Cultura e Educación participa nas xornadas Arte Contemporánea en Galicia 2012 que se celebran en Santiago

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe nas xornadas Arte Contemporánea en Galicia 2012 que, organizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG) na súa sede de Santiago de Compostela, reúnen ao longo de catro sesións a galeristas, comisarios, críticos, académicos e directores de centros de arte galegos para establecer unha análise da situación actual do sector e a súas dinámicas de relación coa sociedade.

Na mesa de debate participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fernández Fasero, e o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Miguel Von Hafe, ambas entidades dependentes da Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad.

Xunto a eles estiveron debateron sobre espazos públicos de arte, programacións e xestións o director do MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) Iñaki Martínez; e a directora da Fundación Luís Seoane da Coruña, Silvia Longueira; e na que actuou como moderador o profesor de Historia das Ideas Estéticas e director do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela, Federico López Silvestre.

Durante a súa intervención Fasero explicou que a Agadic, como entidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten por obxecto o impulso e consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, atende ao eido das artes plásticas e visuais no tocante aos seus fins de promoción e produción, tanto no mercado interior como na súa proxección exterior.    

Describiu deste xeito que a Consellería, ademais de manter os seus centros e salas de arte propios (CGAC, Casa da Parra, museos de titularidade pública…) ou en colaboración con outras entidades, asume tamén labores de promoción e axuda a artistas individuais, colectivos de creadores, galerías e espazos alternativos, fomentando deste xeito o seu ámbito de apoio aos diversos procesos de creación que teñen lugar no territorio galego. Este apoio concrétase esencialmente en axudas, organización de exposicións que poñan en valor o traballo e a creatividade  dos artistas e a súa difusión tanto en Galicia como no exterior, colaboración en proxectos expositivos con outras institucións, participación en catálogos e  subvencións a artistas nas súas diversas manifestacións (pintura, escultura, medios alternativos, novas tecnoloxías aplicadas á arte, soportes audiovisuais, fotografía…).

Interrelación co público

O director da Agadic avogou ademais polo interese en difundir e dar a coñocer as manifestacións artísticas que se xeren en territorio galego buscando sempre o achegamento e a interrelación entre o artista e o público; en propiciar a participación das galerías galegas en feiras de arte nacionais e internacionais e en estimular o coleccionismo e o mercado profesional da arte.

Dedicada á labor das institucións dentro da arte, a desta tarde foi a terceira mesa redonda das catro incluídas nestas xornadas, xa que se celebraron en días precedentes outras dúas sesións: a primeira delas destinada especificamente á creación artística, que tivo lugar o pasado 12 de abril; e unha segunda ao día seguinte que versou sobre a intermediación entre comisariado, crítica e formación. O programa pecharase mañá cunha última reflexión, neste caso a propósito do mercado da arte e do papel que nel xogan os coleccionistas, as feiras e as galerías.